Novas de Cooperación Galega
13/07/2026
Convocatorias

Resolución da convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior, regulada pola Orde do 13 de abril do 2026 (DOG núm. 78, do 28 de abril)

No DOG núm. 129, do 13 de xullo de 2026, publícase a Resolución do 30 de xuño de concesión de axudas convocadas no marco da Orde do 13 de abril do 2026 da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento PR804B).

O obxecto da convocatoria é establecer o marco normativo que regula a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para  a realización de microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior que execute individualmente algunha das entidades recoñecidas como axentes de cooperación para o desenvolvemento pola Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, concretamente:

 – Polas organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento que estean inscritas na sección A do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.

– Polos outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento que estean inscritos na sección D do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.

Enténdese por microproxectos aquelas intervencións puntuais, de limitada intensidade, de duración non superior aos 12 meses que teñan por obxecto fortalecer e/ou complementar outras actuacións levadas a cabo por axentes de cooperación no mesmo territorio.

Ao amparo desta convocatoria fináncianse microproxectos anuais con período de execución do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2026. A dotación orzamentaria é de 150.000 euros e o monto da subvención por proxecto é de 30.000,00 euros.

No marco desta convocatoria, presentáronse un total de 14 solicitudes, das cales 5 foron excluídas da fase de avaliación por non cumprir os requisitos das bases, e tres denegadas por non superar a fase de avaliación ao non acadar a puntuación mínima necesaria. Unha vez avaliadas tecnicamente, un total de 6 proxectos obteñen a puntuación suficiente para ser aprobados. As entidades executoras e os países de execución son Beyond Suncare en Malawi, a Fundación Ayuda Solidaria Hijas de Jesús en Bolivia, Miradas al Mundo en Guinea Bissau, AIRE nos campamentos saharauís, Semilla para el cambio en India e Briegal en Perú.

A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE fai pública a resolución desta convocatoria para a execución de microproxectos correspondente ao ano 2026.

Ligazóns