Novas de Cooperación Galega
15/07/2025
Convocatorias

Resolución da convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior, regulada pola Orde do 21 de abril do 2025 (DOG núm. 86, do 7 de maio)

No DOG núm. 86, do 7 de maio de 2025, foi publicada a Orde do 21 de abril do 2025 da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento PR804B).

O obxecto da convocatoria é establecer o marco normativo que regula a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para  a realización de microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior que execute individualmente algunha das entidades recoñecidas como axentes de cooperación para o desenvolvemento pola Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, concretamente:

 – Polas organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento que estean inscritas na sección A do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.

– Polos outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento que estean inscritos na sección D do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.

Enténdese por microproxectos aquelas intervencións puntuais, de limitada intensidade, de duración non superior aos 12 meses que teñan por obxecto fortalecer e/ou complementar outras actuacións levadas a cabo por axentes de cooperación no mesmo territorio.

Esta convocatoria de microproxectos fora publicada anteriormente entre os anos 2008 e 2015, e recuperouse no 2023, a solicitude do sector.

Ao amparo desta convocatoria fináncianse microproxectos anuais con período de execución do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2025. A dotación orzamentaria é de 150.000 euros e o monto da subvención por proxecto é de 30.000,00 euros.

No marco desta, presentáronse un total de 11 solicitudes, das cales unha foi excluída da fase de avaliación por non cumprir os requisitos das bases, 4 desistidas ao non responder ben os requirimentos realizados e unha denegada por non acadar a puntuación mínima necesaria. Unha vez avaliadas tecnicamente, un total de 5 proxectos obteñen a puntuación suficiente para ser aprobados e se financiarán na súa totalidade. As entidades executoras son Beyond Suncare en Ruanda, Cooperación Internacional en Guatemala, Asociación CIDEL en República Dominicana, Asociación Egueire en Costa de Marfil e Briegal en Perú e Bolivia.

A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE fai pública a resolución desta convocatoria para a execución de microproxectos correspondente ao ano 2025.