Novas de Cooperación Galega
26/07/2024
Convocatorias

Resolución da convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior, regulada pola Orde do 8 de maio do 2024 (DOG núm. 100, do 24 de maio)

No DOG núm. 100, do 24 de maio de 2024, foi publicada a Orde do 8 de maio de 2024 da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento PR804B).

O obxecto da convocatoria é establecer o marco normativo que regula a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para  a realización de microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior que execute individualmente algunha das entidades recoñecidas como axentes de cooperación para o desenvolvemento pola Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, concretamente:

 – Polas organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento que estean inscritas na sección A do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.

– Polos outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento que estean inscritos na sección D do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.

Enténdese por microproxectos aquelas intervencións puntuais, de limitada intensidade, de duración non superior aos 12 meses que teñan por obxecto fortalecer e/ou complementar outras actuacións levadas a cabo por axentes de cooperación no mesmo territorio.

Esta convocatoria de microproxectos fora publicada anteriormente entre os anos 2008 e 2015, e recuperouse no 2023, a solicitude do sector.

Ao amparo desta convocatoria fináncianse microproxectos anuais con período de execución do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2024. A dotación orzamentaria é de 90.000 euros e o monto da subvención por proxecto é de 30.000,00 euros.

No marco desta, presentáronse un total de 9 solicitudes, das cales dúas foron excluídas da fase de avaliación por non cubrir os requisitos das bases, polo que avaliáronse 7 propostas. Unha vez avaliadas tecnicamente todas as solicitudes, un total de 6 proxectos obteñen a puntuación suficiente para ser aprobados sen embargo, consonte á dotación orzamentaria da convocatoria, poderá aprobarse o financiamento de 3 deles, a executar por: Cooperación Internacional, Asociación CIDEL Galicia e s Asociación Integral de Rescate de Emergencias- AIRE.

A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE fai pública a resolución desta convocatoria para a execución de microproxectos correspondente ao ano 2024.