Resolución da convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de programas de cooperación para o desenvolvemento no exterior, regulada na Orde do 8 de xaneiro do 2025 (DOG núm.17, do 27 de xaneiro do 2025).
No DOG núm.17, do 27 de xaneiro do 2025, foi publicada a Orde do 8 de xaneiro do 2025 da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de programas de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polas organizacións non gobernamentais de desenvolvemento (código de procedemento PR804C).
O obxecto desta convocatoria é establecer o marco normativo que regula a concesión de subvencións ás organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento, ONGD, para a execución de programas no exterior, ben individualmente ou ben mediante unha agrupación de entidades.
Os programas son unha ferramenta de longo percorrido que contribúen á consolidación de procesos de desenvolvemento a medio prazo. Están encamiñados a apoiar procesos de transformación integrais nos países en vías de desenvolvemento prioritarios para a Cooperación Galega, contribuíndo dun xeito efectivo á loita contra a pobreza mediante a promoción dun desenvolvemento socioeconómico e cultural sostible.
Esta convocatoria enmárcase no cumprimento do vixente V Plan director da Cooperación Galega 2023-2026, que no seu apartado de modalidades e instrumentos de axuda propón a recuperación da convocatoria de programas no exterior, e na súa liña de acción 2.3 incrementar os fondos dirixidos a actuacións con marcos de planificación plurianuais, que establece que durante a vixencia deste Plan promoveranse os programas no exterior, co fin de mellorar o alcance e impacto das actuacións financiadas. Igualmente, o Plan anual 2025 da Cooperación Galega recolle esta convocatoria.
Os programas, que se financian ao amparo desta convocatoria, terán unha duración mínima de 25 meses e máxima de 36 meses, a contar dende o 1 de xaneiro de 2025 ata o 31 de decembro de 2027.
A Dotación orzamentaria foi de 1.800.000 euros, distribuídos: 540.000 € no ano 2025, 630.000 € no ano 2026 e 630.000 € no ano 2027. O monto da subvención por proxecto é de 600.000 €.
No marco da convocatoria presentáronse un total de 13 solicitudes, que unha vez avaliadas tecnicamente obteñen a puntuación suficiente para seren aprobadas, pero debido á limitación da dotación financeira da convocatoria, e tal como se acordou coas ONGD, so poderá aprobarse o financiamento de 3 deles, a executar por: Asamblea de Cooperación pola Paz no Salvador, Arquitectura sen Fronteiras en Guatemala e Enxeñería sen Fronteiras en Honduras.
Non obstante, os programas que non recibirán financiamento no marco desta convocatoria, poderán en ser adaptados para a súa presentación no marco da convocatoria de proxectos no exterior que prevese publicar no mes no próximo mes de maio.
A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE fai pública a resolución desta convocatoria de programas, correspondente ao ano 2025.