Novas de Cooperación Galega
13/06/2022
Convocatorias

Resolución da convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior, regulada pola Orde do 16 de marzo de 2022 (DOG núm. 57, do 23 de marzo)

No DOG núm. 57, do 23 de marzo de 2022, foi publicada a Orde do 16 de marzo de 2022 da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento PR811A).

A convocatoria, dotada cun orzamento total de 400.000 € para proxectos que se desenvolvan entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2022, continuou adaptándose ao contexto global xerado pola pandemia da COVID-19, no marco da Estratexia de Resposta ao COVID da Cooperación Galega, promovendo proxectos que contribúan a dar resposta á devandita crise naqueles países nos que os seus sistemas de saúde e o seu contexto socioeconómico non posibilite poñer freo a esta crise, sen descoidar aqueloutros proxectos destinados a compensar crises doutra índole ás que, tradicionalmente, se dirixe esta convocatoria e que continúan existindo.

No marco dela, presentáronse un total de 10 solicitudes. Unha vez avaliados os proxectos, 8 deles obteñen a puntuación suficiente para ser aprobados. Non obstante, a dotación económica da convocatoria só permite o financiamento de 6 proxectos.

A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE fai pública a resolución desta convocatoria para a execución de proxectos de acción humanitaria correspondente ao ano 2022.

Os proxectos subvencionados permitirán levar a cabo intervencións no Norte de Mozambique, permitindo a mellora na calidade e aceso aos servizos de saúde; en Kenia e Marrocos prestando asistencia á poboación refuxiada e migrante; no Salvador prestando protección integral á persoas LGTBI+; en Honduras, dando resposta á emerxencia por secas e COVID; e na Franxa de Gaza, para a prestación de servizos médicos.