Novas de Cooperación Galega
03/08/2021
Convocatorias

Resolución da convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior, regulada pola Orde do 24 de maio de 2021 (DOG núm. 108, do 9 de xuño)

No DOG núm. 108, do 9 de xuño de 2021, foi publicada a Orde do 24 de maio de 2021 da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento PR811A).

A convocatoria, dotada cun orzamento total de 400.000 € para proxectos que se desenvolvan entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2021, adaptouse ao contexto global xerado pola crise sanitaria da COVID-19, no marco da Estratexia de Resposta ao COVID da Cooperación Galega, promovendo proxectos que contribúan a dar resposta á devandita crise naqueles países nos que os seus sistemas de saúde e o seu contexto socioeconómico non posibilite poñer freo a esta pandemia, sen descoidar aqueloutros proxectos destinados a compensar crises doutra índole ás que, tradicionalmente, se dirixe esta convocatoria e que continúan existindo.

No marco dela, presentáronse un total de 10 solicitudes. Unha vez avaliados os proxectos, 8 deles obteñen a puntuación suficiente para ser aprobados. Non obstante, a dotación económica da convocatoria só permite o financiamento de 6 proxectos.

A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE fai pública a resolución desta convocatoria para a execución de proxectos de acción humanitaria correspondente ao ano 2021.

Os proxectos subvencionados permitirán levar a cabo intervencións en Sudán del Sur, para o reforzo da prestación de servizos de atención médica, a través da mellora das infraestruturas básicas de saúde; en Níxer, mellorando o dereito a unha alimentación adecuada, un medio de vida digno e a resiliencia de mulleres refuxiadas, desprazadas, retornadas o en acollida; dúas intervencións en Uganda en apoio á poboación refuxiada no ámbito da saúde; unha intervención en Líbano, prestando asistencia humanitaria e educación de emerxencia á poboación Siria; e unha intervención en Guinea Bissau, prestando atención sanitaria á poboación vulnerable, no marco da crise da COVID.