Novas de Cooperación Galega
21/07/2020
Convocatorias

Resolución da convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior, regulada pola Orde do 25 de maio de 2020 (DOG núm. 108, do 4 de xuño)

No DOG núm. 108, do 4 de xuño de 2020, publicouse a Orde do 25 de maio, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior e se procede a súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento PR811A).

A convocatoria, dotada cun orzamento total de 300.000 € para proxectos que se desenvolvan entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2020, adaptouse ao novo escenario mundial xerado pola crise sanitaria da COVID-19, promovendo proxectos que contribúan a dar resposta á devandita crise naqueles países nos que os seus sistemas de saúde e o seu contexto socioeconómico non posibilite poñer freo a esta pandemia, sen descoidar aqueloutros proxectos destinados a compensar crises doutra índole ás que, tradicionalmente, se dirixe esta convocatoria e que continúan existindo.

No marco dela, presentáronse un total de 12 solicitudes. Unha vez avaliados os proxectos, 10 deles obteñen a puntuación suficiente para ser aprobados. Non obstante, a dotación económica da convocatoria só permite o financiamento de 6 proxectos.

A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE fai pública a resolución desta convocatoria para a execución de proxectos de acción humanitaria correspondente ao ano 2020.

Os proxectos subvencionados permitirán levar a cabo intervencións en Kenia, Malí, Mozambique, República Dominicana (2) e Malawi, para mellorar a prevención e a resposta dos sistemas de saúde locais fronte á COVID-19, o estado nutricional de nenas e nenos de comunidades vulnerables ou a contorna educativa e de seguridade para nenas e nenos refuxiados.