Resolución da convocatoria de subvencións para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior, no marco da Orde do 15 de maio de 2017
No DOG do 30 de maio publicouse a Orde do 15 de maio de 2017, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de competencia competitiva, para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior e se procede a súa convocatoria para o ano 2017.
O obxecto da orde é establecer o marco normativo que regula a concesión de subvencións da Xunta de Galicia para proxectos de acción humanitaria no exterior que executarán as organizacións non gobernamentais no ano 2017.
Enténdese por proxectos de acción humanitaria, consonte á iniciativa da Boa Doazón Humanitaria (GHD, nas súas siglas en inglés) aqueles destinados a salvar vidas, aliviar o sufrimento e manter a dignidade humana durante e despois das crises- provocadas por seres humanos ou por desastres naturais-, así como previr e reforzar a capacidade de resposta para cando se produzan estas situacións.
A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE fai pública a resolución do 1 de agosto de 2017, da convocatoria de subvencións para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior.
No marco desta convocatoria, dotada cun orzamento total de 300.000,00€ para proxectos de acción humanitaria no exterior, que se desenvolvan entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2017, presentáronse un total de 8 propostas.
Unha vez avaliadas todas as solicitudes, un total de 6 proxectos obteñen a puntuación suficiente para seren aprobados. Non obstante, a dotación orzamentaria da convocatoria só permite o financiamento de 5 proxectos.
Os proxectos subvencionados permitirán dar resposta a algunha das maiores crises humanitarias do momento (crisis de refuxiados derivada da guerra en Siria, ou do conflito en Sudán do Sur, crise con orixe na seca en Etiopía ou a constante crise en Palestina) da man de organizacións destacadas pola súa labor no ámbito humanitario, que contan con socios locais de referencia neste ámbito.