Resolución da convocatoria de subvencións para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación.
• No DOG nº 95, do 20 de maio 2025 publicouse a Orde do 8 de maio de 2025, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento PR803D).
O obxecto da orde é establecer o marco normativo que regula a concesión de subvencións da Xunta de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, en materia de cooperación para o desenvolvemento, para os seguintes tipos de proxectos:
- Proxectos de cooperación no exterior executados polas organizacións non gobernamentais de cooperación para o desenvolvemento (ONGD), ou as agrupacións que elas lideren.
- Proxectos de cooperación no exterior executados polos outros axentes de cooperación recoñecidos pola Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, así como as agrupacións lideradas por calquera deles.
- Como novidade neste ano, en cumprimento do compromiso adquirido no V Plan Director da Cooperación Galega (2023- 2026) e en complemento á Cooperación Española, Proxectos de apoio a organizacións feministas e de defensa dos dereitos das mulleres.
A convocatoria de axudas para proxectos de cooperación no exterior ten carácter bianual (2025-2026) e se financiada cun importe total de 6.000.000,00 €, conforme á seguinte distribución:
- Proxectos no exterior de ONGD: 4.100.000 € (1.435.000 € no ano 2025 e 2.665.000 € no ano 2026).
- Proxectos no exterior dos outros axentes: 700.000 € (245.000 euros no ano 2025 e 455.000 euros no ano 2026).
- Proxectos de apoio a organizacións feministas e de defensa dos dereitos das mulleres: 1.200.000 € (420.000 € no ano 2025 e 780.000 € no ano 2026)
A esta convocatoria presentáronse un total de 55 solicitudes, segundo o seguinte reparto:
- 42 de ONGD
- 6 doutros axentes de cooperación
- 7 da liña de apoio a organizacións feministas e de defensa dos dereitos das mulleres
Unha vez avaliados tecnicamente todas as solicitudes financiaranse un total de 32 proxectos (23 proxectos de ONGD, 7 proxectos na liña de apoio a organizacións feministas e de defensa dos dereitos das mulleres e 2 proxectos doutros axentes), dos que 3 deles son en agrupación de dúas entidades.
Dos 32 proxectos propostos para financiamento, salvo un en Uganda, o resto executarase en países prioritarios para a Cooperación Galega: 7 en Guatemala, 6 no Perú, 4 en Bolivia, 3 en Mozambique, República Dominicana e Nicaragua, 2 no Salvador e Honduras e 1 en Guinea Bissau.
A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE fai pública a resolución desta convocatoria para a execución de proxectos de cooperación no exterior correspondente ao ano 2025.