Novas de Cooperación Galega
01/10/2021
Convocatorias

Resolución da convocatoria de subvencións para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación, no marco da Orde do 17 de xuño de 2021 (DOG núm. 121, do 28 de xuño)

A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea fai pública a resolución da convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación, regulada pola Orde do 17 de xuño de 2021, da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo (DOG núm. 121, do 28 de xuño).

O período de execución dos proxectos abrangue dous anos, 2021-2022, e a dotación orzamentaria da convocatoria ascendía a 5.000.000 € consonte á seguinte distribución:

  • Proxectos no exterior de ONGD: 4.300.000 € (1.720.000 € no ano 2021 e 2.580.000 € no 2022).
  • Proxectos no exterior doutros axentes: 700.000 € (280.000 € no ano 2021 e 420.000 € no 2022).

Presentáronse un total de 47 solicitudes: 35 para proxectos de ONGD e 12 para proxectos doutros axentes.

A resolución da convocatoria aproba o financiamento de 28 proxectos: 26 de ONGD e 2 doutros axentes.

Destes proxectos, 6 corresponden a agrupación de entidades, e todos eles, salvo un na India, executaranse en países prioritarios da Cooperación Galega consonte o IV Plan director (6 en Guatemala, 4 no Perú, 4 en Nicaragua, 3 na República Dominicana, 2 en Honduras, 3 no Salvador, 2 en Bolivia e 1 en Guinea Bissau, Mozambique e Ecuador).