Novas de Cooperación Galega
12/06/2018
Convocatorias

Resolución da convocatoria de subvencións para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación, no marco da Orde do 18 de decembro de 2017

A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE fai pública a resolución da convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación, regulada pola Orde do 18 de decembro de 2017, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

O período de execución destes proxectos será de dous anos, o 2018- 2019, e a dotación orzamentaria da convocatoria ascende a 3.262.500 € (1.305.000 € para o 2018 e 1.957.500 € para o 2019), o que representa un incremento dun 8,30% respecto á dotación da convocatoria do ano 2017. O reparto por axentes é o seguinte:

  • Proxectos no exterior de ONGD: 2.762.500 € (1.105.000 € no ano 2018 e 1.657.500 € no 2019).
  • Proxectos no exterior doutros axentes: 500.000 € (200.000 € no ano 2018 e 300.000 € no 2019).

O número de solicitudes presentadas foron 52 en total: 41 para proxectos de ONGD e 11 para proxectos doutros axentes.

A resolución da convocatoria aproba o financiamento de 19 proxectos: 15 proxectos de ONGD e 4 doutros axentes. Destes proxectos, 5 corresponden a agrupación de entidades. Ademais destácase que todos eles se executarán nos países prioritarios da Cooperación Galega, consonte ao IV Plan Director (6 en Guatemala, 3 en Nicaragua, 2 no Salvador, 2 en República Dominicana, 2 en Honduras, 1 en Perú, 1 en Mozambique, 1 en Guinea Bissau e 1 en Cabo Verde).