Novas de Cooperación Galega
01/09/2017
Convocatorias

Resolución da convocatoria de subvencións para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación, no marco da Orde do 26 de abril de 2017

A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE fai pública a resolución da convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación, regulada pola Orde do 26 de abril de 2017, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

O período de execución destes proxectos será de dous anos, o 2017- 2018, e a dotación orzamentaria da convocatoria ascende a 3.012.500 € (1.205.000 € para o 2017 e 1.807.500 € para o 2018), o que representa un incremento dun 26,44% respecto á dotación da convocatoria do ano 2016. O reparto por axentes é o seguinte:

  • Proxectos no exterior de ONGD: 2.637.500 € (1.055.000 € no ano 2017 e 1.582.500 € no 2018).
  • Proxectos no exterior doutros axentes: 375.000 € (150.000 € no ano 2017 e 225.000 € no 2018).

O número de solicitudes presentadas foron 51 en total: 42 para proxectos de ONGD, 9 para proxectos doutros axentes.

A resolución da convocatoria aproba o financiamento de 18 proxectos: 15 proxectos de ONGD, 3 de outros axentes. Destes proxectos, 5 corresponden a agrupación de entidades. Ademais destácase que, salvo dous, un binacional en Guinea Bissau- Senegal e outro en Angola, o resto executaranse nos países prioritarios da Cooperación Galega (3 no Salvador, 3 en Guatemala, 3 en Perú, 2 en Nicaragua, 2 en República Dominicana, 2 en Mozambique e 1 en Honduras).