RESPONSABLES DE COOPERACIÓN DE TODA IBEROAMÉRICA PREPARAN O CUMIO QUE ANALIZARÁ A SITUACIÓN ACTUAL DAS MIGRACIÓNS E O DESENVOLVEMENTO
O secretario xeral de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia, Santiago Gómez-Reino, recibiu este mediodía, en nome do Executivo autonómico, aos coordinadores nacionais e responsables de cooperación de 22 países iberoamericanos que están en Santiago para preparar o Cumio de Xefes de Estado e de Goberno que se celebrará no mes de novembro en Montevideo.
No acto de inauguración das xornadas, celebrado este mediodía no Hostal dos Reis Católicos, tamén participou a directora xeral de Cooperación Exterior da Xunta, Fabiola Sotelo.
Estas 22 delegacións, presididas polo Secretario Xeral Iberoamericano, Enrique Iglesias, deseñarán a partir de hoxe e ata o venres en Santiago a axenda de traballo e as principais liñas de actuación do Cumio Iberoamericano de Montevideo. Nesta ocasión, os temas centrais do encontro serán as políticas de migracións e desenvolvemento.
Santiago Gómez-Reino deulles a benvida a Santiago e subliñou a oportunidade e a importancia de analizar esta temática de “innegable actualidade”. Neste sentido, engadiu que o binomio migracións e desenvolvemento require a atención de todos os países do globo e o deseño de políticas tanto sociais como económicas.
O secretario xeral de Exteriores comunicoulles aos asistentes ao acto inaugural a “gratitude permanente” de Galicia con todos aqueles países que acolleron aos emigrantes galegos e tivo palabras de recoñecemento para o Secretario Xeral Iberoamericano, Enrique Iglesias. Gómez-Reino destacou a “enerxía e intelixencia” de Iglesias e amosouse confiado en que o traballo que está a desenvolver o seu equipo contribuirá “á consolidación, fortalecemento e proxección internacional da Comunidade Iberoamericana”.
Pola súa banda, o secretario xeral iberoamericano, Enrique Iglesias, agradeceu o apoio decidido da Xunta na organización deste encontro e amosou a solidariedade da comunidade iberoamericana cos momentos “difíciles” que viviu Galicia nas últimas semanas por causa dos lumes forestais. Así mesmo, Iglesias tamén declarou que os encontros destes días terán unha “moi rica axenda” centrada en proxectar ao mundo a comunidade iberoamericana.
Medio cento de representantes de 22 países En total, participarán nestas catro xornadas preparatorias preto de medio cento de viceministros e directores xerais de Arxentina, Bolivia, Brasil, Chile, Colombia, O Salvador, España, Guatemala, Honduras, México, Nicaragua, Portugal, Principado de Andorra, República Dominicana, Uruguai, Venezuela, Cuba, Paraguai, Perú, Costa Rica, Panamá e Ecuador, coordinados polo Secretario Xeral Iberoamericano, Enrique Iglesias.
A Secretaría Xeral Iberoamericana (SEGIB) é o órgano de apoio institucional, técnico e administrativo á Conferencia Iberoamericana. De recente creación e con sede en Madrid, é responsable da organización dos Cumios Iberoamericanos, en estreita colaboración coa Secretaría Pro-Tempore, que cada ano ostenta o país organizador. Así mesmo, realiza un seguimento dos acordos establecidos nos Cumios e actúa como enlace entre un cumio e outro.
Esta secretaría ten como obxectivo fortalecer a cooperación rexional a través de iniciativas, programas e proxectos. Ao mesmo tempo, contribúe á promoción internacional da Comunidade Iberoamericana no marco dos mandatos recibidos dos Xefes de Estado e de Goberno.
Conferencia IberoamericanaA Conferencia Iberoamericana é un foro de consulta e concertación política que reúne anualmente aos Xefes de Estado e de Goberno das 22 nacións de fala hispana e portuguesa de América Latina e Europa. O seu propósito é reflexionar sobre os desafíos do contorno internacional, así como impulsar a cooperación, coordinación e solidariedade rexionais