Novas de Cooperación Galega
26/11/2007
Xeral

REUNIÓN CON REPRESENTANTES CABOVERDIANOS DOS PROXECTOS COS QUE A XUNTA COLABORA NESTE PAÍS

A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, reuniuse esta mañá con dous representantes dos proxectos que a Xunta de Galicia está a levar a cabo en Cabo Verde: Valter Sá, secretario xeral da Asociación de Municipios Caboverdianos, e Joao Duarte Gomes, presidente da Cámara Municipal de Sao Miguel, na Illa de Santiago.  Nesta reunión, os representantes caboverdianos fixeron fincapé na importancia das tarefas de cooperación que se están a levar a cabo en materia de abastecemento de auga e coñecemento de sistemas informáticos, e destacaron un dos convenios que a Xunta de Galicia está a levar a cabo xunto co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade no barrio de Ponte D’Auga na cidade de Praia, capital do estado. Estes convenios procuran por unha banda a mellora do abastecemento de auga potable ás familias máis afectadas de xeito que cada un dos membros teña acceso a un mínimo de vinte litros diarios, e por outra o aumento nun 30% da participación nas listas para as eleccións municipais que terán lugar en 2008. Este último obxectivo coincide cunha das prioridades transversais fixadas polo I Plan Director da Cooperación Galega 2006-2009, a de xénero, que procura a igualdade das mulleres nas sociedades dos países máis empobrecidos. 

Para levar a cabo as actividades previstas, e mellorar a vida das 2.000 persoas identificadas coma beneficiarias, a Xunta de Galicia en alianza co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, destina a través da Dirección Xeral de Cooperación Exterior 148.000 euros.