Novas de Cooperación Galega
24/09/2007
Xeral

REUNIÓN COS REPRESENTANTES DAS COMUNIDADES GALEGAS DE VENEZUELA

A Directora Xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, reuniuse en Caracas cos representantes das Comunidades Galegas de Venezuela, na sede da Irmandade Galega. 

Fabiola Sotelo, salientou durante a súa intervención, que “as Comunidades teñen un coñecemento privilexiado das sociedades de acollida”. Falou tamén dos compoñentes que todo proxecto de desenvolvemento ten que observar, facendo nesta ocasión especial incidencia, no principio de universalidade dos beneficiarios e na sostibilidade. 

A Directora particularizou tamén os diferentes tipos de colaboracións que se poden establecer en países de Renda Media como Venezuela, que ocupa o posto número 75 no Índice de Desenvolvemento Humano (IDH), segundo reflicte o informe de 2005 de Nacións Unidas. Os proxectos de transferencia de coñecementos e tecnoloxía, poden desenvolverse con maiores garantías en países que posúen máis medios e capacidade para a apropiación. 

Esta reunión ten a súa orixe no recoñecemento que a vixente Lei 3/2003 de Cooperación para o Desenvolvemento lle outorga ás Comunidades, como axentes susceptibles de desenvolver cooperación. Ademais, o I Plan Director da Cooperación Galega 2006-2009, aprobado o pasado ano por unanimidade no Parlamento de Galicia, estableceu unha categoría de países prioritarios, e unha segunda categoría de países preferentes en actuacións. Estes últimos son Venezuela, Uruguai e Arxentina. 

Fabiola Sotelo, anunciou tamén a pronta contratación dun técnico que traballará dende a Oficina Técnica da Axencia Española de Cooperación Internacional en Caracas, e que estará ó servizo da Cooperación Galega para o apoio nas tarefas de identificación en terreo e formulación de proxectos de cooperación. 

Ao rematar a súa intervención xerouse un debate no que se afondou nos obxectivos fundacionais das propias Comunidades, coma entes protectores dos emigrantes de orixe galega, e nos novos obxectivos que procuran repercutir positivamente nos sectores máis vulnerables das sociedades de acollida. Tamén se destacaron as diferenzas existentes entre axuda humanitaria e a cooperación para o desenvolvemento.