Novas de Cooperación Galega
01/02/2017

Reunión do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento CONGACODE

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, presidiu esta mañá en Santiago a xuntanza do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (Congacode), onde foi aprobado o Plan Anual 2017 da Cooperación Galega e que contou coa asistencia dos representantes dos axentes galegos de cooperación.

O Congacode é órgano asesor e de coordinación da cooperación galega no que están representados a Administración autonómica, as ONGD e o resto dos axentes galegos de cooperación.

O principal punto da orde do día da reunión foi a presentación do Plan Anual 2017 da Cooperación Galega para o Desenvolvemento elaborado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, que recolle as actuacións previstas para o ano 2017 e que conta cunha dotación orzamentaria de 4.512.744 €, o que representa un incremento dun 7,7% con respecto ao aprobado para o ano 2016.

Segundo destacou o director xeral, o Plan aposta pola utilización principal do instrumento das convocatorias publicas de concorrencia competitiva. Así, publicaranse as convocatorias de axudas que tradicionalmente xestiona a Cooperación Galega como son as de proxectos no exterior, educación para o desenvolvemento e bolsas de formación, e tamén outras que non se tiñan publicado nos últimos anos como a de proxectos de acción humanitaria ou a de proxectos de investigación para o desenvolvemento das universidades galegas. Así mesmo, asinaranse, entre outros, convenios de colaboración coa Coordinadora Galega de ONGD e o Fondo Galego e continuarase co financiamento daqueles proxectos xa aprobados no ano 2016 e que teñen compromisos no ano 2017.

Este Plan Anual, ultimo dos enmarcados no III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017, afonda no logro dos resultados de xestión recollidos no dito Plan Director cara á mellora da eficacia da axuda a través da concentración xeográfica e sectorial da mesma, á maior coordinación dos actores e complementariedade das súas actuacións e á orientación estratéxica das actuacións de cooperación que poña en valor as singularidades da nosa Comunidade.

Por outra banda, nesta xuntanza do Consello Galego de Cooperación o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE deu conta dos resultados da execución do Plan Anual 2016, que foi executado na súa totalidade, financiándose un total de 78 proxectos (27 deles con anualidade 2017), o que da mostra un ano mais de que a solvencia é un dos sinais de identidade da Cooperación Galega.

Jesús Gamallo informou finalmente acerca da elaboración do Ditame do Comité das Rexións da UE sobre a nova política europea de cooperación ao desenvolvemento, do que o director xeral foi designado relator e que será aprobado no vindeiro mes de febreiro.