Reunión do director xeral de Relacións Exteriores e coa UE con dúas representantes da organización Hip Hop Feminino O Salvador

- A visita a Galicia das dúas activistas salvadoreñas, que se reuniron onte con director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, enmárcase no proxecto "Activistas polo mundo que queremos 2021-2022", que está a ser financiado pola Xunta de Galicia.
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, recibiu onte na sede da Dirección Xeral a Yesenia Karmelina Martines e Jennifer Alisson Rivas, integrantes de Hip Hop Feminino O Salvador, que están a visitar Galicia da man das ONGD Solidariedade Internacional de Galicia, Agareso e Asemblea de Cooperación pola Paz.
Esta visita enmárcase no proxecto de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global “Activistas polo mundo que queremos 2021-2022", que está a ser financiado pola Cooperación Galega, e que se desenvolve no marco do Plan Proxecta da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
As dúas mozas integrantes de Hip Hop Feminino O Salvador, primeira organización de mulleres rapeiras do país, dedícanse a dar charlas, obradoiros e concertos para facer visibles os dereitos humanos, as loitas sociais, e os diferentes tipos de violencia cara á muller, mostrando o hip hop como unha ferramenta para o activismo (Artivismo) e a promoción da cultura de paz. Na súa visita aos centros educativos galegos compartirán co alumnado a súa experiencia, amosándolle como outras mulleres doutras latitudes se organizan e participan para intentar reducir as inxustizas e as desigualdades na súa contorna.
Jesús Gamallo puido coñecer de primeira man, a través da testemuña das dúas mozas salvadoreñas, como está neste momento a situación política e social no Salvador, un dos países máis perigosos do mundo para ser muller.