Novas de Cooperación Galega
24/06/2006
Xeral

REUNIÓN EN CENTROAMÉRICA

Galicia coordinará os proxectos de cooperación ao desenvolvemento en materia pesqueira da Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI) en Centroamérica. A directora xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia, Fabiola Sotelo, manterá hoxe en Antigua (Guatemala) o primeiro dos encontros técnicos para proxectar as actuacións dos vindeiros anos no marco do Plan de Apoio ao sector da Pesca e a Acuicultura, posto en marcha entre a Administración autonómica galega e a AECI en 2004.

O Plan de Apoio ao sector da pesca e a acuicultura ten como finalidade a loita contra a pobreza, fomentando, dende unha visión rexional, unha explotación sostible dos recursos naturais que serva como unha achega ao desenvolvemento das poboacións que teñen a pesca e a acuicultura como medio de subsistencia. Está organizado en catro liñas de actuación: desenvolvemento normativo e o fortalecemento institucional dos países centroamericanos, protección do medio ambiente e a investigación necesaria neste apartado, a comercialización dos produtos pesqueiros e marisqueiros, e a capacitación e organización do sector.

Fabiola Sotelo reunirase esta tarde cos responsables das Oficinas Técnicas de Cooperación (OTC) da AECI no Salvador, Guatemala, Nicaragua e Honduras para avaliar as actuacións levadas a cabo ata o momento e comezar cos traballos de coordinación para o futuro.

Xuntanza cos ministerios de Pesca Mañá celebrarase o encontro entre a Axencia Española de Cooperación Exterior (AECI), a Xunta de Galicia e os representantes dos Ministerios de Pesca da rexión para definir a estratexia de actuación conxunta. O Goberno galego está a potenciar as accións orientadas a incorporar aos proxectos ás Administracións locais, fomentando o seu fortalecemento para asegurar a continuidade das actuacións unha vez rematada a participación da cooperación internacional.