SÁNCHEZ PIÑÓN DESTACA NO DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS DA INFANCIA A NECESIDADE DE INTENSIFICAR OS ESFORZOS EN FAVOR DOS NENOS
A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, participou esta mañá no acto de conmemoración do Día Internacional dos Dereitos da Infancia, que se desenvolveu no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) e no que tamén estiveron presentes a directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo; e a delegada provincial da Vicepresidencia da Igualdade de do Benestar, Mª Tereixa Novo Arrojo. Durante o transcurso deste acto, Meniños, Fundación para a Infancia, presentou as actuacións que compoñen a base do proxecto de carácter educativo e preventivo que esta Fundación está a desenvolver en 2006.
Durante a súa intervención, a máxima responsable da Administración educativa autonómica sinalou que “todos estamos por que os nenos teñan unha infancia feliz e gocen dos seus dereitos e liberdades”. Neste sentido, Sánchez Piñón eloxiou a colaboración entre as distintas administracións e as organizacións, e destacou que “proxectos como a Fundación Meniños non só teñen apoio económico senón tamén institucional”.
“Desde que estamos traballando neste Goberno, a educación é concibida como un piar fundamental”, salientou a conselleira. Así, a titular do departamento educativo galego sinalou que “unha das numerosas probas desta realidade é a presentación do Plan Valora”, no que están implicadas a Vicepresidencia e 5 consellerías do Goberno galego. Laura Sánchez Piñón destacou a boa acollida deste Plan, que xa conta con 100 proxectos en innovación por parte dos centros educativos da Comunidade.
A titular do departamento educativo galego recoñeceu á Fundación Meniños o labor e o esforzo que desde 1996 desenvolve en prol dos dereitos da infancia. As accións desta Fundación neste ano enmárcanse baixo o título de Meniños Facendo familias. Algo grande desde os máis pequenos: As achegas dos nenos para mellora a súa familia e concrétanse nunha exposición itinerante e na posta en marcha dun portal web educativo.
A exposición Algo grande desde os máis pequenos arranca hoxe no MUPEGA, coincidindo co Día Internacional dos Dereitos da Infancia, e posteriormente comezará o seu recorrido por diversos concellos galegos. Esta mostra recolle unha información básica sobre os aspectos desenvolvidos nos proxectos educativas que Meniños leva a cabo desde o 2003, ilustradas cos traballos achegados polos nenos e nenas participantes coas súas ideas e propostas.
A pretensión desta exposición é complementar e dinamizar o traballo educativo nas diferentes localidades en que se leve a cabo. Os seus elementos constitúen os soportes estables básicos para a mostra, que será complementada cos traballos que neste curso realicen os nenos e nenas de ditas localidades. Ademais, conta con espazos destinados a recoller in situ as súas achegas, en forma de debuxos, escritos, etc.
Pola súa banda, a directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, indicou que esta iniciativa de Meniños sobre os dereitos dos nenos é unha das cinco campañas que o seu departamento está a apoiar este ano en Galicia para sensibilizar á sociedade cara ás desigualdades no mundo, especialmente as referidas e dirixidas aos máis pequenos.
Sotelo indicou, neste contexto, que o Goberno galego destinará 65.000 euros para campañas de sensibilización. “Queremos que a xente en Galicia saiba da situación na que se atopan moitos nenos en Latinoamérica e África e se sumen á loita pola defensa dos seus dereitos”, dixo. Por iso, explicou, “estamos a traballar conxuntamente coa Consellería de Educación para acadar que as tarefas de educación para o desenvolvemento teñan a máis ampla repercusión posible e poidan chegar dun xeito estable a todos os centros de ensino de Galicia”.
No acto tamén participou a delegada provincial da Vicepresidencia da Igualdade e Benestar, María Tereixa Novo, quen destacou que o feito de garantir que todo menor teña dereito a unha familia é un dos eixes da Vicepresidencia nas políticas que desenvolve en protección de menores. María Tereixa Novo lembrou que precisamente neste eido, este departamento está a traballar conxuntamente coa Fundación Meniños, intentando que todo aquel menor que sofre algún tipo de dano teña unha familia de acollida, coa fin de que a institucionalización sexa o último recurso.
A delegada provincial de A Coruña da Vicepresidencia reiterou o compromiso cos obxectivos da Fundación Meniños e eloxiou o portal educativo presentado como unha acción que estenderá aínda máis o traballo desta entidade.
Construción dun ambiente familiar positivoO acto de hoxe tamén serviu para presentar o portal educativo O mundo de Milu, unha páxina web de Meniños a través do que pretende facilitar o achegamento dos máis pequenos aos obxectivos e contidos do traballo educativo e preventivo levado a cabo por esta Fundación. Nesta páxina web pódense atopar espazos que permiten afondar nos dereitos da infancia, no dereito a vivir en familia e na responsabilidade. Está dirixido principalmente aos nenos e nenas de idades correspondentes ao ensino primario, pero conta tamén cun espazo para os adultos que desenvolven labores educativas.
No curso escolar 2005/06, Meniños puxo en marcha o proxecto Facendo familias, dirixido a nenos e nenas do ensino primario, para fomentar a súa participación e protagonismo na construción dun ambiente familiar positivo, así como sensibilizarse e informarse sobre a diferente realidade da cobertura dos dereitos da infancia e a familia nos diferentes países.
A conselleira de Educación sinalou que o curso pasado participaron neste programa 102 centros, e indicou que as previsións para este curso apuntan a unha participación de 106 colexios. Sánchez Piñón destacou que o obxectivo é mellorar en número de centros e alumnado, “aspecto no que resulta fundamental a incorporación das novas tecnoloxías e a utilización de ferramentas como a páxina web O mundo de Milu”.