Novas de Cooperación Galega
09/10/2017
Xeral

Sinatura do convenio entre a Vicepresidencia da Xunta de Galicia e as ONGD Solidariedade Internacional de Galicia, Agareso e Fundación Educación e Cooperación para a execución do proxecto “Cooperación Galega: o mundo que queremos 2017- 2018”

A Vicepresidencia da Xunta de Galicia vén de asinar un convenio de colaboración coas ONGD galegas Solidariedade Internacional de Galicia, Agareso e a Fundación Educación e Cooperación para dar continuidade ao proxecto “Cooperación Galega: o mundo que queremos”, que ten como obxectivo impulsar a educación para o desenvolvemento e a solidariedade entre os adolescentes galegos.

A iniciativa chega así á súa quinta edición, tras varios anos contribuíndo a fomentar entre a mocidade valores como a corresponsabilidade na construción da xustiza social, a educación para o desenvolvemento, a loita contra a pobreza, ou a interconexión entre as realidades locais e as dinámicas globais.

O proxecto iniciouse en 2013, grazas á colaboración entre a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Desenvólvese no marco do Plan Proxecta, unha iniciativa de innovación educativa que ten por obxecto facilitar a colaboración entre distintos departamentos da Xunta que dispoñen de programas dirixidos aos centros educativos.

No curso 2013-2014 esta iniciativa chegou a 5 centros de Educación Secundaria que foron seleccionados entre os solicitantes da convocatoria anual do Plan Proxecta; no curso 2014-2015 a 9 centros; no curso 2015-2016 a 5 centros e no curso 2016- 2017 a 6 centros. Co profesorado e o alumnado dos 25 centros afondouse nas desigualdades sociais existentes e as causas que as perpetúan, con especial atención á realidade dos países empobrecidos nos que traballa a cooperación galega. Os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM) no inicio e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) na actualidade son a temática condutora da proposta e a comunicación comunitaria a ferramenta metodolóxica e elemento vertebrador das accións a desenvolver.

Nesta edición as actividades desenvolveranse en varios centros educativos galegos, cunha vixencia ata o 31 de agosto de 2018, incluíndo as actuacións iniciadas dende o mes de xuño de 2017 e un custo total de 75.621 euros. Desde o inicio do proxecto, no ano 2013, a Xunta leva investido nesta iniciativa ao redor de 315.400 euros.