Novas de Cooperación Galega
13/11/2017
Xeral

Sinatura do convenio entre a Vicepresidencia da Xunta de Galicia e UNICEF para atender as necesidades dos colectivos máis vulnerables en catástrofes

  • O vicepresidente, Alfonso Rueda, asinou un convenio de colaboración coa entidade para actuacións de acción humanitaria e de emerxencia
  • O Goberno galego achegará máis de 81.000 euros para a provisión de infraestruturas e equipos esenciais para a supervivencia

 

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a presidenta de UNICEF Comité Galicia, Myriam Garabito, asinaron un convenio de colaboración entre ambas institucións para actuacións de acción humanitaria e de emerxencia, co obxectivo de axudar á poboación mediante a provisión inmediata de infraestruturas e equipos esenciais para a supervivencia, sobre todo as relacionadas co sector da auga, saneamento e hixiene. Para este fin, a Xunta de Galicia realizará unha achega que supera os 81.000 euros.

O presente convenio permite á Xunta estar preparada para atender as necesidades en materia de auga, saneamento e hixiene (WASH, polas súas siglas en inglés) contando coa colaboración de UNICEF, entidade experta e responsable no coñecido como sistema de clústeres nesta materia.

O Fondo de Nacións Unidas para a Infancia, UNICEF, é a principal organización internacional que traballa para promover os dereitos da infancia e conseguir cambios reais nas vidas de millóns de nenos/as, en calquera situación de emerxencia e crise humanitaria. A entidade ten presenza en 190 países susceptibles de recibir axuda humanitaria e de emerxencia.