Novas de Cooperación Galega
27/02/2017

Sinatura dun convenio con Farmaceuticos Mundi para colaborar en accións humanitarias e de emerxencia

Este acordo se vén asinando de forma ininterrompida desde 2009. Este ano estará dotado cun total de 50.000 euros. En total, nos últimos 9 anos, o orzamento asignado a esta colaboración ascendeu a máis de 410.000 euros.

En virtude deste convenio, realízanse actuacións tendentes a atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano, especialmente daqueles colectivos máis vulnerables, a través de actuacións como a provisión inmediata de bens e servizos esenciais para supervivencia (auga, abrigo, medicamentos, atención sanitaria ou outro material de primeira necesidade).

Ademais, tamén se actúa co obxectivo de paliar o sufrimento das poboacións afectadas por crises de longa duración e desequilibrios crónicos, como naqueles países e poboacións de menor Índice de Desenvolvemento Humano (IDH).

Grazas a esta colaboración, conseguiuse dar resposta inmediata, e coordinada coa Axencia Española de Cooperación para o Desenvolvemento (AECID), a diferentes emerxencias como as intervencións para facer fronte ás crises alimentarias no Sahel, en Haití e República Dominicana tras o paso do furacán Sandy, en Filipinas tras o paso do tifón Haiyan ou en Nepal despois do terremoto; en Dadaab (Kenya), para combater a epidemia de polio; en Goma (República Democrática do Congo), para loitar contra a malnutrición materno-infantil nos campos de desprazados; ou en Siria, Sudán do Sur e Malí para facer fronte as consecuencias de conflitos.

Estes convenios posibilitan tamén dotar un fondo de emerxencias de Farmamundi, que lle permite ter dispoñible de maneira permanente material de resposta para as emerxencias que poidan acaecer.

A sinatura deste convenio de colaboración inclúese no Plan anual 2017, que foi aprobado polo CONGACODE o pasado 31 de xaneiro. Ademais, no III Plan director da cooperación galega 2014-2017 identifícase a acción humanitaria como unha prioridade sectorial, a exercer de forma directa ou a través de diferentes actores de cooperación.