Novas de Cooperación Galega
20/10/2017
Xeral

Sinatura dunha addenda ao convenio de colaboración entre a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia e Farmacéuticos Mundi (Farmamundi) para actuacións de acción humanitaria e de emerxencia

  • Vicepresidencia asinou unha addenda para ampliar a dotación do convenio asinado o pasado mes de febreiro por importe de 50.000 euros
  • O incremento permitirá seguir atendendo as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano
  • Dende o ano 2009 a Xunta leva destinados preto de 500.000 euros aos convenios de colaboración con Farmamundi para actuacións de acción humanitaria

A Xunta de Galicia –a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza- asinou unha addenda de 40.000 euros ao convenio de colaboración coa ONGD Farmamundi para actuacións de acción humanitaria e de emerxencia. Dita ampliación permitirá seguir atendendo as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano.

O obxecto desta sinatura é ampliar en 40.000 euros a dotación primitiva do Convenio de colaboración asinado o pasado 27 de febreiro entre a Vicepresidencia e Farmamundi, cuxa finalidade era a de financiar accións humanitarias de emerxencia, para o cal se destinou un importe de 50.000 euros. Dende o ano 2009 a Xunta leva destinados preto de 500.000 euros aos convenios de colaboración con Farmamundi para actuacións de acción humanitaria.

A totalidade da dotación do citado convenio foi utilizada para financiar cinco operativos de resposta para atender as crises humanitarias derivadas das inundacións ocasionadas polo fenómeno do “niño costero” en Perú; brindar atención sanitaria aos Sursudaneses do campo de Adjumani en Uganda, outorgar asistencia nutricional e socio sanitaria de emerxencia á poboación atrapada nos campos de refuxiados de Khan Eshieh en Siria; previr o paludismo en Malí; e brindar asistencia nutricional en Gaza.

Así, esta ampliación da partida financeira permitirá seguir atendendo nos próximos meses as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano, así como paliar o sufrimento das poboacións afectadas por crises de longa duración e desequilibrios crónicos e estruturais, con énfase en países e poboacións de menor Índice de Desenvolvemento Humano (IDH).

Esta addenda súmase a outras actuacións entre a Xunta e Farmamundi, que levan traballando conxuntamente dende o ano 2009 no marco dun convenio de colaboración para atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano.