Novas de Cooperación Galega
16/11/2006
Xeral

SOTELO REIVINDICA O PAPEL DO “MIGRANTE” COMO “AXENTE DE DESENVOLVEMENTO” NO SEU PAÍS E “FONTE DE RIQUEZA” NO LUGAR DE DESTINO

A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, reivindicou esta tarde o papel do “migrante” como “axente de promoción do desenvolvemento e de redución da pobreza no seu país de orixe” e como “fonte de riqueza” no lugar de destino. Sotelo fixo estas declaracións na inauguración, na Coruña, do encontro “Codesenvolvemento: aproximación teórica e aspectos prácticos”, organizado pola Coordinadora Galega de ONGD´s e financiado pola Xunta de Galicia.

Fabiola Sotelo referiuse ao “vínculo existente entre migración e desenvolvemento”, asegurando que “o Estado español non tería acadado o seu nivel actual de riqueza e crecemento económico sen a participación decisiva da emigración”. Neste sentido, asegurou que Galicia “vivimos o fenómeno migratorio con intensidade dende hai tempo” e “coñecemos de primeira man os desequilibrios pero, sobre todo, os efectos positivos que o mesmo pode xerar”. Así, remarcou que “todos sabemos que a inmigración no noso país, os novos galegos e galegas que veñen a traballar con nós, son unha fonte de riqueza, tanto no noso país como dende logo nos seus países de orixe. Xa vai sendo hora de comezar a pagarlles decentemente o seu esforzo”.

Neste contexto, referiuse ao codesenvolvemento como “vía de entender as migracións, como intercambio de riqueza entre os países de orixe e destino e como ámbito de actuación multicultural e transnacional”. Fabiola Sotelo avogou por que os “movementos migratorios se produzan en condicións de regularidade para permitir que os inmigrantes participen na sociedade de destino e garantan unha maior seguridade xurídica e estabilidade administrativa ás persoas”.

Integración efectiva e actuaciónsA directora xeral advertiu que o inmigrante poderá aproveitar todas as súas capacidades como axente de desenvolvemento na medida en que se consiga a súa integración na sociedade de acollida, polo que chamou á sociedade a contribuír a “unha integración efectiva dos mesmos”. Así, subliñou que o Goberno galego, a través da Dirección Xeral de Cooperación Exterior, está a apoiar diversos proxectos neste terreo, entre os que destacou os que está a realizar a organización Ecos do Sur e Ecodesarrollo Gaia no seu traballo con inmigrantes e no terceiro mundo. Pola súa banda, o presidente da Coordinadora de ONGD´s, Xosé María Torres, apostou por conceder unha “oportunidade” a “este novo xeito de facer cooperación”, lembrando que moitas iniciativas que nun principio non estaban suficientemente valoradas como a concesión de microcréditos, demostráronse logo “do máis efectivas nas tarefas de cooperación para o desenvolvemento”.

No encontro desta tarde tamén participan hoxe Javier Ochoa Hidalgo de CIDEAL para falar da definición do concepto e as aproximacións teóricas do Codesenvolvemento e membros de Galicia Acolle para expoñer casos prácticos.

Seminario-obradoiroEste encontro, organizado pola Coordinadora Galega de ONG´s para o desenvolvemento, patrocinado pola Dirección Xeral de Cooperación Exterior e que conta coa colaboración da Fundación Caixa Galicia, o Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia da USC e CIdeal; está pensado como un seminario-obradoiro para favorecer a difusión dun tema incipiente e pouco coñecido como é o codesenvolvemento. O encontro inaugurado esta tarde celebrará a súa segunda sesión mañá, tamén na sede da Fundación Caixa Galicia na Coruña.

O encontro comezará ás 9,00 horas, coa participación do técnico da Dirección Xeral de Políticas de Desenvolvemento do Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación, Juan Frutos Goldaraz, coa ponencia Migracións e desenvolvemento: as iniciativas a nivel estatal.  A continuación, a investigador María Silvia Rey Pedreira exporá as orixes do codesenvolvemento e as experiencias internacionais neste eido. A partir das 12,30 horas, representantes de Ecos do Sur e Codesarrollo Gaia analizarán experiencias prácticas de codesenvolvemento.