Novas de Cooperación Galega
17/10/2006
Xeral

SOTELO REIVINDICA O "PROTAGONISMO" DA MULLER NA COOPERACIÓN AO DESENVOLVEMENTO, NA SEMANA MUNDIAL DE "REBELIÓN E LOITA CONTRA A POBREZA"

A Directora Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia, Fabiola Sotelo, reivindicou esta mañá o papel “protagonista” da muller nas actuacións a prol do desenvolvemento asegurando que “ata o de agora se mantivo oculto”, pero amosouse convencida de que “no futuro, o desenvolvemento e o progreso ou se fan dende o recoñecemento e o liderado da muller ou non será factible”.

Fabiola Sotelo fixo estas declaracións na inauguración do Congreso Mundial das Mulleres de Vía Campesiña. Labregas sementando a igualdade, organizado polo Sindicato Labrego Galego, a Coordinadora Labrega Europea e maila organización A Vía Campesiña, coa colaboración da Administración Autonómica e a Deputación da Coruña.

Este congreso desenvolverase en Santiago dende hoxe ata o vindeiro sábado 21 de outubro e reunirá a máis de cen mulleres procedentes de Honduras, México, Nicaragua, República Dominicana, Brasil, Bolivia, Vietnam, Corea, India, EE.UU., Suecia, Noruega, Austria, Francia e Holanda, ademais das orixinarias de Galicia e España. No acto de apertura participaron tamén a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Lidia Senra, e Juana Ferrer, representante de Vía Campesiña.

A directora xeral de Cooperación Exterior destacou a relevancia de que este encontro mundial teña lugar en Galicia e asegurou que no tempo que leva no cargo “tivo ocasión de visitar e avaliar moitos e moi variados proxectos de cooperación ao desenvolvemento” en diversos países e comprobar que “en todos eles coinciden “a fortaleza e a capacidade de loita das mulleres”.

Así, destacou a importancia e o papel clave das mulleres na “economía e na xestión dos recursos, na resolución de conflitos, na capacidade asociativa, na educación, na cultura e na saúde”.

Semana de rebelión e loita contra a pobreza “Nesta semana especial de rebelión e de loita contra a pobreza, -manifestou Sotelo- teño que lembrar que un dos Obxectivos do Milenio promove a igualdade entre homes e mulleres, así como a autonomía da muller”. Nesta liña, avogou porque se facilite “esta igualdade” a través do “acceso das nenas á ensinanza en verdadeiras condicións de igualdade”.

Aposta clara e contundente pola igualdade“Queda pouco para o 2015”, dixo, e a “aposta pola erradicación do analfabetismo feminino ten que ser clara e contundente” explicando que “para poder elixir” as mulleres teñen que ser quen de “ollar as diferentes opcións e camiños que a vida nos pon por diante”

A directora xeral de Cooperación Exterior reiterou o compromiso do Goberno galego coas mulleres, asegurando que a Xunta de Galicia está a apoialas “nos seus esforzos, nos seus desvelos e denunciando as aínda terribles situacións ás que con demasiada frecuencia se teñen que enfrontar”.

Encontro de mulleres rurais O Congreso Mundial de Mulleres Vía Campesiña, inaugurado esta mañá en Santiago e que se desenvolverá ata o vindeiro sábado 21 de outubro, analizará a situación na que viven e traballan as mulleres no medio rural en xeral, e as que se dedican á actividade agraria en particular. Con este encontro, preténdese propiciar a formación das participantes no pensamento feminista e contribuír á cooperación entre delegacións e asociacións para articular a loita contra a violencia de xénero e a discriminación no acceso aos medios de produción, segundo explicou a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Lidia Senra.

Nel participan máis de cen mulleres en representación de diversos organizacións labregas galegas, españolas, europeas e doutros países e de organizacións mixtas integradas na Vía Campesiña.

A Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego, Lidia Senra, abriu o acto de inauguración referíndose á “importancia de que labregas de todos os continentes se poidan reunir para compartir experiencias e debater acerca da situación das mulleres no mundo e as posibles vías para mellorala”.

Pola súa banda, Juana Ferrer, representante da Comisión Internacional da Vía Campesiña, finalizou a súa intervención dicindo que as mulleres “non estamos en proceso de conquista dos dereitos”, senón que “xa estamos en posesión deles e que agora o que hai é que defendelos”. Na súa intervención no acto de inauguración, Ferrer fixo fincapé na “longa loita e resistencia” que de sempre as mulleres tiveron que sufrir para defender os seus dereitos, nomeadamente as “campesiñas”. Neste sentido, explicou que estes días en Compostela “serán un espazo fundamental para rearticular a axenda en beneficio dos obxectivos que as mulleres da Vía Campesiña buscan concretar”.

Primeira Xornada Durante o día de hoxe e mañá, o congreso abordará a través de diversas conferencias e mesas redondas as principais liñas do pensamento feminista ao longo da historia, e mesmo do chamado “ecofeminismo”.

Os días 20 e 21 estarán dedicados a afondar no debate sobre a cooperación entre as mulleres dos distintos continentes, prestando especial atención á perspectiva de xénero nesta colaboración, así como a análise das causas e consecuencias da violencia de xénero.