Novas de Cooperación Galega
30/01/2007
Xeral

A SUBDIRECTORA XERAL DE COOPERACIÓN AVOGA POLA IMPLICACIÓN DE PAIS, EDUCADORES, ALUMNOS E INSTITUCIÓNS NA PROMOCIÓN DUNHA CULTURA DE PAZ

A subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Carlota Román, avogou pola implicación de pais, alumnos, institucións e mestres na promoción dunha cultura de paz que permita acadar entre todos unha sociedade máis xusta. Román participou está mañá en Padrón no acto de conmemoración do Día Escolar da Non Violencia e da Paz organizado polo Seminario Galego de Educación pola Paz.

Na súa intervención aludiu a que a educación pola paz e o desenvolvemento é un “elemento básico” na conformación dunha sociedade máis libre e xusta xa que apunta ao cerne da convivencia futura: os nenos e nenas galegas. A subdirectora considerou “imprescindible”  que as novas xeracións crezan sendo conscientes das profundas desigualdades que existen no noso planeta. “A nosa obriga ética é colaborar con todos aqueles procesos que permitan acadar un mundo máis xusto”, apuntou Román.

Pola suá banda o presidente do Seminario Galego de Educación pola Paz, Manuel Dios, referiuse a importancia da palabra como xeito de resolver pacíficamente os conflitos e á necesidade de seguir o exemplo de Gandhi que “nos ensinou como a través dunha actitude dialogante se poden conseguir os máis diversos fins”.

No acto estiveron tamén presentes alumnos do CEIP Rosalía de Padrón e do IES Camilo José Cela que levaron a cabo diversas representacións centradas nas ideas de tolerancia, convivencia e  respecto.

Día escolar da Non  Violencia e a Paz

Cada ano, dende 1964, o 30 de xaneiro celébrase o Día Escolar da Non Violencia e a Paz  en conmemoración do día da morte de Mahatma Gandhi, o home que coa sua loita pacífica  e as súas accións de non violencia, conseguiu que a independencia da India, o seu país natal, se fixera realidade. Tamén se conmemora a morte doutro pacifista, Martín Luther King, que foi asasinado ao igual que Gandhi.O respaldo definitivo a esta data  chegou en 1993, a UNESCO recoñeceuno e convertindo o día 30 no Día Escolar da Non Violencia e a Paz. Son moitos os colexios, institutos e institucións que a nivel mundial, celebran o devandito día con diferentes tipos de actos e actividades.