Novas de Cooperación Galega
21/11/2007
Xeral

A SUBDIRECTORA XERAL DE COOPERACIÓN E IRMA GUADALUPE CASAS VISITARON A ASOCIACIÓN ALECRÍN, DE VIGO

A subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Carlota Román visitou, acompañada dunha das líderes da Asociación Casa Amiga Centro de Crisis de Ciudad Juárez (México), a Asociación Grupo de Estudos sobre a Condición da Muller Alecrín, de Vigo.

Este encontro inclúese dentro da visita que Irma Guadalupe Casas está a facer por Galicia con motivo do día Internacional para a Erradicación da Violencia de Xénero que se celebra o próximo domingo 25 de novembro.

Carlota Román e Irma Guadalupe Casas, que foron recibidas pola presidenta da asociación Ana Míguez, coñeceron o funcionamento dun Centro de Día, dunha Casa de Acollida e visitaron a Biblioteca e o Centro Xoven de Alecrín.

Esta asociación viguesa creada en 1985 traballa co fin de promover a total incorporación das mulleres na sociedade e de eliminar obstáculos que impiden ou limitan a plena integración.

Con este achegamento poténciase o intercambio de experiencias entre ambas asociacións para a loita contra a violencia de xénero, e enriquecerá os contidos e os fins polos que traballan Alecrín e Casa Amiga. Con esta última asociación, a Xunta puxo en marcha un convenio de colaboración que ten como obxectivo a atención integral a mulleres e nenos que teñan sufrido a causa da violencia de xénero, para o que se activaron tres áreas de actuación.

A primeira delas é a intervención directa cos afectados a través do traballo social, a psicoloxía e a base legal. A segunda é a posta en marcha dunha campaña preventiva permanente que chegue aos centros educativos, escolas ou feiras, e que transporte unha mensaxe de prevención e información. E a terceira é o deseño e reprodución dun material de difusión para crear novas alianzas entre organizacións da sociedade civil, institucións do Goberno e empresariado.