Novas de Cooperación Galega
20/05/2008
Xeral

A TVG EMITE UN ESPECIAL SOBRE A COOPERACIÓN GALEGA EN MOZAMBIQUE PARA CELEBRAR O DÍA DE ÁFRICA

As actividades de sensibilización da poboación galega son un eixo primordial dentro das políticas de cooperación para o desenvolvemento feitas dende o Goberno galego. O propósito principal é a creación dunha cidadanía responsable, solidaria, activa e consciente. Trátase de involucrar á sociedade galega nos procesos de desenvolvemento dos países menos favorecidos e na loita contra as causas que xeran a pobreza nestes. Nesta liña e coincidindo coa celebración do día de África, a TVG emitirá no seu espazo Outras Realidades, o vindeiro 24 de maio ás 21.00 unha reportaxe de 2007 sobre dos proxectos da Cooperación Galega en Mozambique.

En concreto, presentaranse os seguintes proxectos:

 “Ampliación da capacidade técnica e docente do Hospital Polana Caniço, Maputo” (Axente: Asociación para a Saúde Integral e o Desenvolvemento Humano). Este proxecto pretende facer fronte  á carencia de técnicos medios e superiores con formación adecuada no eido da saúde en Mozambique; ademais de asegurar a dotación de infraestrutura e equipamento e a colaboración para a execución do programa de formación.

“Fomento do cultivo e a transformación da soia en Boane e Naamacha, Provincia de Maputo” (Axente: Ecos do Sur). Este proxecto procura o enriquecemento da dieta das poboacións rurais a través do cultivo, a transformación e a utilización de novos produtos agrícolas e da obtención de recursos económicos que permitan superar a produción de auto subsistencia.

“Fortalecemento das capacidades clínicas do Hospital Carmelo de Chowke, Provincia de Gaza” (Axente: Cooperación Vicenciana para el Desarrollo). Ten por meta o fortalecemento dos servizos do Hospital e a mellora da atención clínica e socio-familiar da poboación do distrito de Chokwe,  facendo especial incidencia sobre os enfermos de SIDA.

“Centro Miramar, educativo, cultural e de usos múltiples do Triángulo, Equipamento da escola secundaria Santa María, en Nacala-Porto, Provincia de Nampula”  (Axente: Cooperación Vicenciana para el Desarrollo). Para paliar a situación de pobreza absoluta da zona, trabállase nas condicións educativas, culturais e asociativas da poboación de Nacala, facilitando a adecuada infraestrutura no barrio do Triángulo para que nenos, mozos e adultos poidan acceder a actividades de promoción cultural que permitan mellorar de xeito significativo a súa calidade de vida. A través da construción e do equipamento da nova escola trátase de facilitar o acceso a unha boa educación secundaria á mocidade da zona costeira da provincia de Nampula.

“Mellora da Soberanía Alimentaria no Distrito de Montepúez, Provincia de Cabo Delgado” (Axente: Cruz Vermella). O seu obxectivo é reducir a desnutrición aguda e crónica nas familias das poboacións de Merupe, Unidade e Mitale no distrito de Montepuez.

Mozambique, país prioritario para a Cooperación Galega, localízase na costa este de África e é un dos países cun Índice de Desenvolvemento Humano máis baixo: 172 de 178, segundo datos de 2007.  A maioría da poboación sigue vivindo nunha contorna de pobreza, cunha escasa porcentaxe de nenas e nenos que poida acceder á educación e cuns servizos básicos de saúde case inexistentes.