Novas de Cooperación Galega
03/04/2007
Xeral

A TVG EMITIRÁ O VINDEIRO SÁBADO, 7 DE ABRIL, UN DOCUMENTAL QUE REFLICTE O TRABALLO QUE SE ESTÁ A REALIZAR EN DOUS PROXECTOS DE COOPERACIÓN GALEGOS

A Televisión de Galicia emitirá o vindeiro sábado día 7 de abril ás 21 horas un documental sobre dous proxectos de cooperación con participación galega. En concreto abordarase o traballo realizado pola ONGD Escola Campesiña de Educación e Saúde (ESCAES) en Cutervo (Perú), así como as actividades levadas a cabo por Paz y Desarrollo no Centro de Educación Integral de Santa Lucía de Yocalla en Potosí (Bolivia). Ambos proxectos contan cunha subvención da Dirección Xeral de Cooperación Exterior a través da convocatoria de axudas para proxectos de cooperación. En concreto o programa integral desenvolvido por ESCAES en Cutervo recibe unha achega por parte do goberno galego de 140.000 euros, mentres que o proxecto de Paz y Desarrollo recibiu o pasado ano 113.000 euros.

Con esta iniciativa, apoiada dende a Dirección Xeral de Cooperación Exterior, preténdese que a sociedade galega coñeza o traballo que os galegos e galegas están a realizar a prol do desenvolvemento nos países do Sur e dar conta das condicións de vida na que se atopan as persoas que están a recibir a axuda da cooperación galega para o desenvolvemento.

Formación das nenas e nenos con menos recursosO Centro de Educación Integral de Santa Lucía de Yocalla está a formar anualmente a 250 nenas e nenos de entre 5 e 16 anos das familias máis empobrecidas do departamento boliviano de Potosí. Se este centro non existise os alumnos que están alí cursando os seus estudios non terían outra posibilidade de formación. Este centro conta cun internado onde se aloxan de luns a venres as nenas e nenos elixidos en base a súa situación familiar e económica, sendo completamente gratuíta a súa manutención e formación. Ademais da educación formal os alumnos reciben clases de teatro e poesía ou poden participar en talleres de radio.

Un dos principais obxectivos do centro e facer partícipes as familias da educación dos seus fillos. Para isto os nenos reciben tamén clases prácticas sobre agricultura ou gandería de xeito que ao chegar as súas casas podan compartir os coñecementos mellorando as técnicas tanto de cultivo como de cría de animais. Ao rematar os estudios preténdese que estes rapaces poidan continuar formándose a nivel universitario, de xeito que se creen líderes capaces de fortalecer os procesos de desenvolvemento das súas comunidades.

Axuda integralPola súa banda o programa integral que desenvolve ESCAES en Cutervo céntrase na mellora das condicións de saúde e vida  das mulleres, nenas e nenos da microconca do río Yatún no marco dun proceso de desenvolvemento  sostible. Para isto están a levar a cabo accións en moi diversos ámbitos, dende a educación, con programas de alfabetización de mulleres e xestión de escolas de educación infantil e primaria, ata medioambientais, con actividades encamiñadas a  reducir á metade o consumo de leña e a  reforestación con especies nativas. A instalación de cociñas melloradas e letrinas, así como o apoio a diversificación da actividade económica son outras das prioridades deste programa.