Novas de Cooperación Galega
13/03/2006
Xeral

UN CURSO ANALIZA A IMPORTANCIA DA TECNOLOXÍA NA COOPERACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO HUMANO

A Xunta de Galicia está a colaborar no curso Tecnoloxía e Cooperación para o Desenvolvemento Humano que a Universidade de Santiago está a dar en Lugo e Santiago en colaboración con Enxeñería Sen Fronteiras. Trátase de achegar ás persoas interesadas na cooperación e o desenvolvemento (voluntarios, responsables de programas e proxectos, entidades e administracións) a relevancia da enxeñería na cooperación para o desenvolvemento humano.

Este curso, que comezou onte, celebrarase en Lugo e Santiago ata o vindeiro día 29 de marzo. Ao longo de 13 xornadas, os técnicos e profesores universitarios traballarán para proporcionar aos asistentes unha visión global das causas e das consecuencias da pobreza e a desigualdade, tentando fomentar un compromiso activo cos esforzos necesarios para erradicalas.

O acento estará posto tamén na difusión de modelos alternativos de desenvolvemento e en dar a coñecer a enxeñería coma unha ferramenta esencial para o acceso universal aos servizos básicos imprescindibles para unha vida digna. Os organizadores pretenden facer entender que a técnica non é un fenómeno illado ou neutro, senón que ten o seu sentido no entorno cultural, político, social, económico e ambiental no que se xera.

Técnicos da Dirección Xeral de Cooperación Exterior achegarán hoxe aos asistentes as liñas de actuación da Xunta de Galicia neste eido, así como os proxectos que se están a poñer en marcha dende a Administración galega para poñer a disposición dos pobos máis pobres do planeta a experiencia histórica de Galicia, os seus activos e recursos, para combater a pobreza e as súas causas. O Goberno galego promove activamente o dereito ao desenvolvemento humano e sostible. Para acadar este obxectivo, achegará este ano preto de 7 millóns de euros, un 8% máis que o ano anterior, e mantén a súa a posta por dedicar á cooperación ao desenvolvemento o 0,4% dos orzamentos da Xunta en 2009.

Presentación e situación actualOnte tivo lugar a presentación do curso cunha perspectiva xeral da cooperación para o desenvolvemento feita polo Grupo de Educación para o desenvolvemento de Enxeñería Sen Fronteiras de Galicia (Grupo EpD de ESF). Así mesmo, os técnicos de Enxeñería Sen Fronteiras realizaron un achegamento xeral ao fenómeno do subdesenvolvemento, á terminoloxía empregada para falar del e a perspectiva histórica. Pola súa banda, o profesor da Facultade de Dereito da USC Carlos Teijo García expuxo a evolución e a situación actual do desenvolvemento mundial. Na súa intervención, Teijo analizou a perspectiva económica deste asunto, así como as relacións Norte-Sur e o papel das institucións Internacionais.

Na xornada de mañá estudaranse as consecuencias do subdesenvolvemento no sur a través dos fenómenos da inmigración e os conflitos, do cuarto mundo” –pobreza no norte-, e das culturas indíxenas. Falarán Juan Redondo Abelenda de Cruz Vermella Española, Octavio Vázquez Sotelo, profesor da USC na escola de Empresariais, e Lupe García Espinosa, investigadora no departamento de Enxeñería Agroforestal da USC.

Nos vindeiros días analizaranse as implicacións da tecnoloxía no eido da cooperación ao desenvolvemento, de enerxía, procesos participativos, desenvolvemento agropecuario, desenvolvemento ambiental, movementos sociais, comercio xusto, entre outros, ao tempo que se estudarán distintos proxectos en marcha.

Máis de 3.000 millóns de pobresNa actualidade, máis de 3.000 millóns de persoas carecen dunha vida digna a causa da pobreza. Fame, SIDA, analfabetismo, discriminación de mulleres e nenas, depredación da natureza, desigualdade no acceso á tecnoloxía, desprazamentos masivos a causa dos conflitos e migracións provocadas pola falta de equidade na distribución da riqueza a nivel internacional son diferentes fases do mesmo problema: a situación de inxustiza que sofre a maior parte da poboación mundial.