Novas de Cooperación Galega
15/10/2007
Xeral

A UNIVERSIDADE DA CORUÑA INAUGURA O CURSO “XÉNERO E COOPERACIÓN"

 A Subdirectora da Dirección Xeral de Cooperación Exterior, Carlota Román, recordou a prioridade transversal de promoción da igualdade entre homes e mulleres do I Plan Director da Cooperación Galega para o Desenvolvemento 2006-2009 Na África setentrional só un de cada cinco traballadores remunerados é muller

 A subdirectora da Dirección Xeral de Cooperación Exterior, Carlota Román, inaugurou esta tarde o seminario “Xénero e Cooperación: Análise, Crítica e Propostas para o Desenvolvemento” organizado pola Universidade da Coruña.

 Román sinalou que sendo conscientes de que cada intervención require un axeitado coñecemento dos diferentes valores e normas de cada cultura, e seguindo o establecido no I Plan da Director da Cooperación Galega para o Desenvolvemento 2006-2009, “a Dirección Xeral de Cooperación Exterior prima todos aqueles proxectos que teñen como prioridade transversal e sectorial a perspectiva de xénero, a promoción da igualdade entre mulleres e homes”.

 A implementación dos dereitos e liberdades fundamentais da muller nos países menos adiantados, favorecería a mellora de cifras como que só un de cada cinco traballadores e traballadoras é muller na África setentrional, ou que a participación das mulleres no ámbito laboral en países como Perú, Chile ou Colombia, apenas se achegue ao 50%.

 No seminario participan entre outras persoas Clara Murguialday, da Universidade do País Vasco; Feli Ibáñez, vicepresidenta de Médicos sen Fronteiras; e Paula Cirujano, socióloga e consultora en temas de xénero para a Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia.