Novas de Cooperación Galega
23/01/2017

A viaxe institucional da Cooperación Galega finaliza coa visita a proxectos financiados en Cuba

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, reuniuse este xoves con Nelys García, directora de Cooperación e Relaciones Internacionales da Oficina do Historiador de La Habana (OHCH), para valorar os resultados e as experiencias do intercambio con adolescentes entre Cuba e Galicia realizado no marco do proxecto Cooperación Galega: O Mundo que Queremos. No ano 2016, integrantes das ONGD galegas que traballan con xuventude viaxaron á illa para coñecer as experiencias dos seus homólogos cubanos e estes devolvéronlle posteriormente a visita a Galicia. Deste intercambio xurdiron novas oportunidades de traballo conxunto e reforzouse a aprendizaxe mutua.

O director xeral visitou tamén, acompañado de Pilar Romero, subdirectora xeral de Cooperación Exterior e representantes da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso), o antigo Convento de Belén para coñecer aos beneficiarios do programa social humanitario financiado pola Xunta a través da ONGD galega Asamblea de Cooperación pola Paz.

Finalmente hoxe a viaxe finalizará con dous encontros políticos, co embaixador de España en Cuba, Juan Francisco Montalbán e con Inalvis Bonachea, directora de Política Comercial con Europa, del Ministerio de Comercio Exterior y la Inversión Extranjera (MINCEX), co fin de estudar futuras colaboracións no pais.

O volume de axuda canalizada ao país desde 2004 ata o momento é de 2.296.458,63 euros, distribuídos en 27 intervencións.

Deste xeito ponse fin a viaxe institucional anual na que o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE visitou na República Dominicana e Cuba distintos proxectos de saneamento, habitabilidade, auga, educación, prevención de riscos e desenvolvemento comunitario.

O obxectivo principal destas viaxes institucionais é, ademais de supervisar os proxectos financiados, reunirse coas organizacións que os lideran e coas autoridades locais que os apoian e escoitar as apreciacións das persoas beneficiarias dos mesmos.