Novas de Cooperación Galega
19/01/2017

Viaxe institucional da cooperación galega a República Dominicana

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, levou a cabo dúas intensas xornadas traballo en República Dominicana nas que se achegou aos proxectos feitos por Asamblea de Cooperación pola Paz (ACPP), Intered e Humanismo y Democracia (HyD) con financiamento de Cooperación Galega. As ONGD galegas apoian no país caribeño eixos de traballo vitais para o seu desenvolvemento como a dotación de recursos básicos nas comunidades máis empobrecidas, a formación profesional e a investigación en educación. Dominicana é un país estratéxico para a Cooperación Galega desde o I Plan Director do 2006 ata o actual. O volume de axuda canalizada ao país desde o 2009 é de 2.709.312,34 euros.

Gamallo, xunto con Pilar Romero, subdirectora xeral de Cooperación Exterior, e representantes da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) comezou a xornada do luns visitando o Instituto Politécnico de Haina, no que HyD apoiou a ampliación das instalacións do centro de formación profesional. Neste centro educativo adolescentes do municipio de Haina, onde está asentado un polígono industrial, reciben capacitación técnica en materias como electricidade, informática, mecánica ou contabilidade, co obxectivo de facilitar a súa inserción laboral nas empresas asentadas na zona.

Na segunda parte da xornada a delegación reuniuse cos representantes do Instituto de Acción Comunitaria (IDAC), socio local de ACPP, que lles contaron as transformacións levadas a cabo a través do traballo comunitarios nos batey, poboados nos que habitaban de forma temporal os traballadores das plantacións de caña de azucre pero que agora se converteron en barrios marxinais pola falta de emprego e de dotación de servizos básicos.

Nestes batey IDAC promove proxectos de habitabilidade, saneamento e augas con financiamento galego. Nesta ocasión Gamallo e Romero foron partícipes da apertura do tanque do batey La Balsa no municipio de Ramón Santana que surte de auga potable ata as súas vivendas a 811 persoas. Ademais tiveron a oportunidade de escoitar a experiencia das promotoras de saúde que voluntariamente apoian a atención médica de urxencia nesta comunidade, que carece de centro de saúde.

O alcalde de Ramón Santana, Braulo Rivera, reuniuse coa delegación no concello e destacou que sen o apoio da cooperación internacional un municipio como o seu, con altos índices de pobreza e só 400.000 euros de orzamento anual, non podería solventar as necesidades básicas da poboación. Para rematar a xornada do luns coñeceron as novas vivendas construídas no marco do proxecto que melloraron sustancialmente a forma de vida de parte dos habitantes do batey.

O martes, tras ter unha primeira reunión na Oficina Técnica de Cooperación co seu coordinador, Carlos Cano, dirixíronse a Centro Cultural Poveda, socio local da ONGD Intered e a Universidade de Santiago de Compostela nun proxecto que pretende reforzar o sistema educativo dominicano a través da creación de sinerxías e estudos de investigación conxuntos. A xornada seguiu cun comida na casa do embaixador español en República Dominicana, Jaime Lacadena, para coñecer as políticas que se están a impulsar no país.

Posteriormente trasladáronse ao municipio de San Pedro Macorís, onde ACPP xestiona un proxecto de prevención de riscos e no que coñeceron de primeira man as medidas tomadas pola Defensa Civil e a Unidade de Xestión de Riscos para previr as consecuencias das inundacións e dos fenómenos naturais. A través dos fondos da convocatoria de Axuda Humanitaria dotóuselles de equipo e formación para que estean máis preparados ante este tipo de fenómenos e construíronse refuxios para resgardarse en caso de emerxencia.

Rumbo a Cuba

Este mércores a delegación da Xunta viaxa a La Habana, Cuba, para proseguir o seu programa de viaxe. O xoves reuniranse con Nelys García, directora de Cooperación e Relaciones Internacionales da Oficina do Historiador de La Habana (OHCH), para valorar os resultados e as experiencias do intercambio con adolescentes entre Cuba e Galicia realizado no marco do proxecto Cooperación Galega: O Mundo que Queremos. No 2016 integrantes das ONGD galegas que traballan con xuventude viaxaron á illa para coñecer as experiencias dos seus homólogos cubanos, e estes devolvéronlle a visita a Galicia. Deste intercambio xurdiron novas oportunidades de traballo conxunto e reforzou a aprendizaxe mútua.

Visitarán tamén o antigo Convento de Belén para coñecer aos beneficiarios do programa social humanitario financiado pola Xunta a través de ACPP. A viaxe finalizará con dous encontros políticos co embaixador de España en Cuba, Juan Francisco Montalbán e con Inalvis Bonachea, directora de Política Comercial con Europa, del Ministerio de Comercio Exterior y la Inversión Extranjera (MINCEX). O volume de axuda canalizada ao país desde 2004 ata o momento é de 2.296.458,63 euros, distribuídos en 27 intervencións.