Novas de Cooperación Galega
30/11/2018
Xeral

Visita á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE dos alcaldes da Mancomunidade hondureña de NASMAR

Os seis alcaldes e a alcaldesa que presiden as corporacións municipais que conforman a Mancomunidade hondureña de Municipalidades do Sur de Perú -NASMAR mantiveron no día de onte unha reunión co equipo da Subdirección Xeral de Cooperación Exterior.

A Mancomunidade NASMAR agrupa a 7 municipalidades costeiras do Sur de Honduras, concretamente do Golfo de Fonseca: Amapala, El Triunfo, Goascorán, Nacaome, Namasigüe, Marcovia e San Lorenzo. Esta Mancomunidade NASMAR foi creada no ano 2004 polos municipios de San Lorenzo, Amapala, Nacaome e Marcovia, anexándose posteriormente os municipios de Goascorán, Namasigüe e El Triunfo, todos eles nos departamentos de Valle e Choluteca. O principal propósito da Mancomunidade é unificar esforzos para lograr o desenvolvemento integral de cada un dos municipios que a conforman. Desde a súa creación á data desenvolveu proxectos en diferentes áreas temáticas, destacando a súa experiencia dentro do sector de auga e saneamento en deseño e construción de sistemas de auga, organización, capacitación, legalización e fortalecemento de xuntas de auga e capacitación de usuarios dos sistemas de auga. Así mesmo, a  Mancomunidade de NASMAR ten experiencia previa no abastecemento de enerxía para o consumo doméstico en zonas rurais mediante paneis solares.

A NASMAR actúa dende o ano 2014, xunto a AHJASA, como socio local nos proxectos que no ámbito da xestión dos recursos hídricos executan grazas ao financiamento da Cooperación Galega, a agrupación conformada por Enxeñería Sen Fronteiras e a UDC a través de Cartolab.

Enxeñería Sen Fronteiras leva traballando no Golfo de Fonseca, en Honduras, dende o ano 2008, nun programa de defensa do Dereito Humano á Auga. Durante todos estes anos contaron co apoio da Cooperación Galega, en principio para o desempeño de proxectos na Alcaldía de Marcovia e a partir de 2014 cos 7 concellos da NASMAR, da que Marcovia forma parte.

Dende o ano 2009 a Cooperación Galega leva apoiando a execución de proxectos na citada Mancomunidade por un importe de 1.585.378 €.