VISITA DO SECTOR MADEREIRO BOLIVIANO PARA AVANZAR NO PROXECTO DE DESENVOLVEMENTO NA CHIQUITANÍA
A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, mantivo esta mañá unha reunión con dous membros de Bolhispania Industria y Comercio S.A., iniciativa empresarial do sector da madeira creada no 2005 para a promoción do progreso económico e social por iniciativa da AECI.
Na reunión participaron Álvaro Edmundo Escobar, xefe de Operación e Comercialización; e Jorge Téllez Carrasco, asesor técnico da Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI), que ó longo dos días de hoxe e mañá completarán á súa visita á comunidade cun recorrido por diferentes serradoiros dos que pretenden obter ideas tanxibles de claro compoñente tecnolóxico, así como de comercialización e formación técnica, para a súa pronta implementación.
Os membros de Bolhispania teñen previsto acudir ao Servizo de Produción e Industrias Forestais, á Federación Empresarial de Aserradores y Rematantes de Maderas de Galicia (FEARMAGA), a Madeiras Peteiro na Coruña, a Arquitecnic en Cambre, ao Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira (CIS), e manter unha reunión con membros da madereira galega Albo Mirlo. En todas as visitas estarán acompañados por persoal técnico da Dirección Xeral de Cooperación Exterior.
O proxecto de desenvolvemento forestal sostible na provincia de Velasco en Bolivia, onde se atopa o bosque seco de Chiquitanía percibiu, nestes dous últimos anos, dende a Xunta de Galicia 124.000 euros. Con esta iniciativa trátase de promover o desenvolvemento das poboacións locais a través do aproveitamento sostible dos bosques, garantir unha maior reserva local da biodiversidade baixo un aproveitamento legal e sostible e consolidar os elos máis avanzados da cadea de valor agregado da madeira.
Para iso, realizaranse talleres de sensibilización con produtoras e produtores interesados en enriquecer as súas áreas forestais, organizaranse actividades de reforestación comunitaria co apoio técnico e loxístico das Unidades Forestais Municipais, e prestarase asesoría técnica á poboación beneficiaria para as actividades de reforestación e silvicultura.
Este proxecto xurdiu, de entre outras razóns, da necesidade de acabar co tráfico ilegal da madeira que dende hai anos se ven dando nesta provincia boliviana. Estas actividades ilegais están motivadas pola amplitude da zona forestal, pola dificultade da súa xestión sostible, e pola súa internacionalmente coñecida calidade.
A raíz desto, os propios actores recoñecidos polo estado boliviano non logran facer atractivo economicamente o uso forestal, polo que o mesmo non contribúe aos ingresos da poboación. Para reactivar o desenvolvemento do sector, revalorizar e diversificar os recursos e asegurar que beneficie a toda a poboación, a Dirección Xeral da Xunta de Galicia e a AECI puxeron en marcha este proxecto de cooperación.