Visita institucional da Xunta de Galicia aos campamentos dos refuxiados saharauis
Unha delegación da Xunta de Galicia encabezada polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo Director Xeral de Relacións Exteriores e coa UE Jesus Gamallo, visitou esta fin de semana os campamentos da poboación refuxiada saharauí en Tinduf, Arxelia, onde comprobou de primeira man o estado do proxecto que está a desenvolver a Asociación de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS). A actuación consiste na prestación de axuda e material sanitario e na construción dunha casa para os médicos na Wilaya de Bojador, que grazas ás axudas galegas xa entrará proximamente en funcionamento. Os beneficiarios do proxecto levado a cabo na rexión arxelina son unhas 6.000 persoas da poboación da Wilaya de Bojador, 400 nenos/as, 400 mulleres embarazas, 400 persoas maiores -aos que se lles entrega leite en po- e 30 membros do persoal sanitario local que utilizarán o material sanitario e reciben formación. Desta maneira, a casa para o persoal médico permitirá ofrecer un servizo de mellor calidade ás mulleres e infancia en particular e á poboación saharauí en xeral, pois contará co equipo necesario para mellorar a calidade da atención sanitaria primaria, funcionando como centro de apoio ao Hospital de Bojador e permitindo que as Comisión médicas galegas se instalen nela durante as súas visitas aos campamentos. O obxectivo da actuación da Cooperación Galega que se está levando en Tinduf é contribuír na mellora das condicións de vida da poboación refuxiada saharauí, con especial atención ós nenos e nenas, mulleres embarazadas e persoas maiores. A poboación dos campamentos saharauís ten a consideración de “prioritaria” dentro da planificación de actuacións da Cooperación Galega polo que dende o ano 2006 a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, vén colaborando coa SOGAPS no financiamento de diferentes proxectos, a través da sinatura dos correspondentes convenios. Neste sentido, as achegas da Xunta ascenderon, entre os anos 2006 e 2014, a máis de 700.000 euros, importe que se destinou a proxectos de axuda alimentaria de emerxencia para a poboación refuxiada saharauí en Tinduf; formación, información e docencia no campo da pediatría, tanto ao persoal sanitario das dairas como ao persoal médico do hospital en Huambo; e apoio sanitario para a mellora do nivel de saúde da poboación dos campamentos de refuxiados en Tinduf. Está previsto que nos orzamentos de Cooperación Galega para 2015, a dotación de 100.000 euros para un novo convenio coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. Igualmente, grazas ás axudas do Goberno galego tamén se levou a cabo un proxecto de melloras das condicións sanitarias da poboación refuxiada saharauí garantindo o bo funcionamento do Hospital de Smara. A última achega nesta materia foi no pasado 2013, cando se lle deu continuidade ó proxecto de apoio sanitario e alimentario na Wilaya de Ausserd. A colaboración entre ambas entidades enmárcase dentro do Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017. O dito plan identifica a acción humanitaria como unha prioridade sectorial dentro da cooperación, sendo importante destacar que a poboación saharauí figura como prioritaria para a atención da Cooperación Galega. Pola súa banda, a Lei de Cooperación para o Desenvolvemento recolle á axuda humanitaria e de emerxencia como un dos instrumentos de cooperación e recoñece coma prioridade sectorial a promoción da igualdade de oportunidades e a defensa dos grupos de poboación máis vulnerables, con especial incidencia nos refuxiados, desprazados e retornados. Finalmente, o Plan Anual 2014 establece a necesidade de continuar co apoio outorgado á poboación saharauí, sendo esta unha constante na planificación do Goberno galego.