Novas de Cooperación Galega
06/05/2007
Xeral

AS XORNADAS “COMPRA PÚBLICA ÉTICA" ANALIZAN O PAPEL DA ADMINISTRACIÓN COMO AXENTE ACTIVO DE CONSUMO RESPONSABLE

A subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Carlota Román, participou esta mañá en Santiago na inauguración das xornadas “Compra pública Ética” organizadas pola ONGD Amarante. Este seminario analizará ata o vindeiro mércores as iniciativas das administracións públicas para dotarse de mecanismos que lles aseguren que os produtos adquiridos como consumidores no mercado foron elaborados respectando os dereitos fundamentais dos traballadores e traballadoras. Román resaltou que co fomento do comercio xusto e o consumo responsable dende a administración “estaremos a mellorar as condicións de vida de milleiros de traballadoras e traballadores do Sur” . A subdirectora incidiu na necesidade de “amosarlle aos galegos e galegas que é factible a competitividade con produtos de calidade e unha globalización na que os salarios dignos, a non explotación infantil e a igualdade de homes e mulleres poida ser a norma”.

Neste acto estiveron tamén presentes a decana da facultade de Ciencias Políticas da Universidade de Santiago de Compostela, Nieves Lagares, e o director da ONGD Amarante, Xoan Hermida, que aludiu a necesidade de que a compra pública ética pase a formar parte da axenda política e que os gobernos realicen “compromisos concretos para fomentar a compra de produtos de comercio xusto dende a administración”.

Plan de implantación e comercializaciónUn dos obxectivos da Dirección Xeral de Cooperación Exterior no ámbito do Comercio Xusto é, segundo apuntou Román, a elaboración dun plan de implantación e comercialización de acordo coas ONGDs, a Coordinadora Galega de ONGDs e as tendas dedicadas á venda de produtos de Comercio Xusto. “Para 2009 pretendemos acadar o difícil obxectivo de que o 70% da poboación galega conte como mínimo cun punto de venda no seu concello”, salientou a subdirectora.Na actualidade a Dirección Xeral de Cooperación Exterior está a desenvolver varias liñas de actuación neste eido. A través de campañas de sensibilización preténdese incrementar a sensibilidade dos cidadáns galegos de cara a súa responsabilidade como consumidores; por outra banda estase a colaborar no desenvolvemento de proxectos no terreo para fortalecer as iniciativas de produtores que comercializan os seus produtos mediante o comercio xusto.

Compra pública éticaA Compra Pública Ética (CPE) materializa o esforzo das Administracións para dotarse de mecanismos que lles aseguren que os produtos adquiridos como consumidores no mercado foron elaborados respectando os dereitos fundamentais dos traballadores e traballadoras. As iniciativas de compra pública ética contribúen a facer máis coherente o consumo institucional cos principios dos servizos públicos e a impulsar unhas políticas de responsabilidade social máis comprometidas por parte das empresas provedoras. As adquisicións sustentables son unha solución para integrar criterios de sustentabilidade en tódalas fases do proceso de compra pública, de xeito tal que se poda reducir o impacto do consumo sobre a saúde humana, o medio ambiente, as desigualdades sociais mundiais e a calidade de vida das futuras xeracións.

Programa do seminarioEste encontro organizado pola ONGD Amarante coa colaboración da Dirección Xeral de Cooperación Exterior terá lugar ata o vindeiro mércores na Facultade de Ciencias Políticas da Universidade de Santiago. O obxectivo do seminario é analizar o papel das administracións como consumidoras de produtos de comercio xusto. Durante a xornada de hoxe abordarase o papel das administracións públicas como axentes activos de compra pública ética e consumo responsable, analizando iniciativas concretas baseados neste tipo de compra como o proxecto Nexos ou o programa de Banca Ética do Triodos Bank.

Mañá reanudarase o encontro coa intervención de Albert Sales, representante da Campaña Roupa Limpa e coa proxección do filme China Blue, que reflicte as condicións laborais dos traballadores do sector téxtil no país asiático. A mañá estará dedicada a analizar as posibilidades actuais e futuras do comercio xusto na contratación pública ética e os obstáculos na inserción da compra responsable nas empresas provedoras da administración.

A última xornada, o mércores día 9, estará orientada a analizar o futuro das comunidades do Sur ante un modelo sustentable e xusto de compra pública ética. O profesor de Dereito e Economía Internacional  da facultade de Ciencias Políticas da USC, Francisco Sanjiao, disertará sobre a contratación pública con criterios responsables. Pechará o seminario unha mesa redonda na que se abordará a implicación de Galicia na compra pública ética e o seu papel como axente de desenvolvemento, na que participarán membros da administración, do Fondo Galego de Cooperación e da Coordinadora Galega de ONGDs.