Novas de Cooperación Galega
24/05/2007
Xeral

AS XORNADAS “COOPERACIÓN INTERNACIONAL, A CIENCIA AO SERVIZO DOS PAÍSES EN DESENVOLVEMENTO” ABORDAN A PROBLEMÁTICA DA CIENCIA NOS PAÍSES DO SUR

As xornadas “Cooperación Internacional, a ciencia ao servizo dos países en desenvolvemento” deron comezo hoxe en Santiago coa intervención do profesor da Universidade de Harvard, David Edwards. Este ciclo de conferencias, organizado pola Vicerreitoría de Investgación da Universidade de Santiago en colaboración co Centro de Estudos Avanzdos, ten como obxectivo transmitir á sociedade galega a problemática derivada da escaseza de iniciativas de investigación dirixidas a resolver problemas que afectan de xeito exclusivo, ou principalmente, aos países en desenvolvemento. Así mesmo, pretende presentar as iniciativas que nesta liña se están a desenvolver na comunidade galega.

Na presentación do ciclo de conferencias estivo presente a directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, quen resaltou  necesidade de “facilitar os procesos encamiñados á transferencia da tecnoloxía que permita o desenvolvemento económico e social das zonas empobrecidas”. “Os avances científicos deben porse ao servizo do ser humano, de xeito que todo o mundo se poida beneficiar deles e non só unha minoría privilexiada”, apuntou Sotelo.

A responsable das políticas de cooperación do Goberno galego fixo referencia tamén ao importante papel que teñen as universidades como “protagonistas da canalización destes avances cara os países do Sur”, resaltando a colaboración entre o departamento que dirixe e as tres universidades galegas “ que están a realizar un excelente traballo non só na formación e na sensiblización, senón tamén no terreo da transferencia de tecnoloxía”.

Así mesmo incidiu na obligatoriedade de reforzar as políticas sanitarias que teñan como obxectivos a prevención, o tratamento e a atención de enfermidades como o VIH, a malaria ou a tuberculose “que cada ano rematan coa vida de millóns de persoas por non poder acceder aos medicamentos básicos para tratalas”.”Non hai xustificación posible para que non se investigue ao mesmo nivel nos tratamentos de enfermidades que unicamente azotan aos países do Sur”, remarcou a directora xeral.

Vacinas contra a tuberculoseNa súa intervención o profesor da Universidade de Harvard, David Edwards, reflexou o seu traballo de investigación na búsqueda dunha vacina efectiva contra a tuberculose, á que poidan acceder os millóns de afectados, independentemente da súa capacidade adquisitiva. Nestes momentos, Edwards, está a experimentar con vacinas orais que poidan paliar os efectos desta enfermidade que afecta con especial virulencia aos países subdesenvolvidos.

Este ciclo enmárcase dentro da serie de  conferencias maxistrais organizadas co gallo do Ano da Ciencia polo Centro de Estudos Avanzados da Universidade de Santiago, en colaboración coa Federación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT). Nos vindeiros meses abordaranse temas como a perspectiva da Organización Mundial da Saúde, os grandes retos da saúde global e aposta de Galicia pola ciencia ao servizo dos países en vías de desenvolvemento, onde se incidirá nas iniciativas concretas que se están levando a cabo dende a noso comunidade.