Novas de Cooperación Galega
08/12/2006
Xeral

A XUNTA ACHEGA ESTE ANO PRETO DE 7 MILLÓNS DE EUROS A PROXECTOS DE COOPERACIÓN PARA QUE SE ACADE O DEREITO HUMANO AO DESENVOLVEMENTO

Promover a participación social, investir no ser humano, avogar por un desenvolvemento sostible e sensibilizar a poboación coa situación de vulneración na que se atopan os Dereitos Humanos en todo o mundo, son obxectivos prioritarios do Goberno galego A Xunta de Galicia está investir este ano preto de 7 millóns de euros en 110 proxectos de cooperación para contribuír a que se acade o dereito humano ao desenvolvemento. Mañá celébrase en todo o mundo o Día Internacional dos Dereitos Humanos e dende a Dirección Xeral de Cooperación Exterior queremos lembrar que o dereito ao desenvolvemento é un dereito humano básico e inalienable de todas as persoas.

Por iso, o Goberno galego está a traballar dende hai máis dun ano en actuacións de mellora das condicións de vida de comunidades empobrecidas de todo o mundo para dar cobertura ás necesidades sociais básicas e para promover o desenvolvemento do tecido económico.

Estas actuacións teñen como fin último incidir na defensa do dereito ao desenvolvemento, que se basea no dereito que ten o ser humano de satisfacer as  necesidades básicas, tanto sociais, culturais como económicas, así como de pertencer a unha comunidade que lle permita desenvolver todas as súas capacidades e vivir dignamente.

Para lograr que se cumpra este obxectivo, os proxectos que se están a levar a cabo céntranse en varias liñas de traballo que coinciden cos sectores de acción recollidos no Plan Director da Cooperación Galega:

- cobertura das necesidades sociais básicas,- infraestrutura e promoción do tecido económico, - participación social e bo goberno, - investimento no ser humano, - defensa do medio ambiente, - axuda humanitaria e de emerxencia, - sensibilización social para o desenvolvemento.

Cobertura das necesidades sociais básicasDentro dos proxectos que a Xunta está a financiar, teñen unha especial importancia aqueles destinados a dar cobertura ás necesidades sociais básicas de varias comunidades . Neste ano, destináronse 2.017.000 euros a 25 proxectos cos que se incidiu en sectores como a educación, a saúde, a vivenda e a mellora da seguridade alimentaria.

Entre eles, destaca dentro do ámbito sanitario o que se está a levar a cabo en Bolivia, onde 150.000 persoas se están a beneficiar da mellora da calidade sanitaria do Hospital 1º de Mayo. Este proxecto conta cunha subvención da Xunta de Galicia de 36.900 euros cos que se están a comprar novos equipos de laboratorio co obxecto de aumentar a calidade e rapidez na atención sanitaria da zona, ao mesmo tempo que se reducen os gastos de asistencia sanitaria privada.

Tamén en Bolivia a Asociación Fe y Alegría, co apoio da Dirección Xeral de Cooperación Exterior, está a levar a cabo un proxecto que está a permitir que 500 nenos e nenas en situación de desvantaxe económica reciban educación e capacitación no centro de Santa Lucía de Yocalla.

Infraestrutura e promoción do tecido económicoA dotación e mellora das infraestruturas económicas, con especial atención aos proxectos de economía social, sobre todo aqueles relacionados co sector agroindustrial e pesqueiro así como o fortalecemento do tecido produtivo, son outras das prioridades do goberno galego en materia de cooperación. Este ano estanse a financiar neste eido un total de 25 proxectos que contan cun orzamento total de 2.236.000 euros.

Un exemplo do apoio a este sector constitúeo o proxecto que Vetermon está a desenvolver na República Dominicana. A través das cooperativas de varias comunidades, trinta familias están a participar nun programa de capacitación para poder xestionar pequenas unidades de produción gandeira, que lles permitan obter unha fonte estable de ingresos. Este proxecto conta cunha achega de 101.000 euros por parte do Goberno galego en 2006, tendo prevista unha segunda fase na que se levará a cabo a comercialización conxunta de leite e carne así como a posta en marcha doutros negocios como as tendas agropecuarias.

Participación social e investimento no ser humanoApoiar os procesos de empoderamento, recoñecemento e exercicio dos dereitos, así como o fortalecemento do Estado de Dereito son as accións que se están a fomentar no terreo da participación social. A este sector a Xunta destinou 827.000 euros para un total de 9 proxectos ao longo deste ano.

Entre eles destaca o Plan de Acción para o fortalecemento da administración local caboverdiana, no que se están a levar a cabo accións centradas no ordenamento e xestión do territorio, o fortalecemento institucional e encamiñadas a dinamizar a sociedade civil deste país africano, con especial atención ao papel da muller.

Facilitar o acceso á educación secundaria e de calidade, fomentar a cooperación interuniversitaria e o desenvolvemento científico-ecnolóxico, son algúns dos obxectivos que se pretenden acadar dentro do ámbito do investimento no ser humano. Para isto estanse a destinar 496.000 euros para un total de oito proxectos. En Perú estase a colaborar coa Universidade de La  Molina na implantación dun sistema de e-learning que permita mellorar a sanidade e a rendibilidade dos produtos lácteos das comunidades andinas.

Dende a Dirección Xeral de Cooperación Exterior tamén se está a traballar na defensa  dun desenvolvemento sostible que respecte a biodiversidade e a conservación dos recursos naturais. Un total de 3 proxectos beneficiáronse das axudas do goberno galego, cun orzamento total de 211.000 euros.

SensibilizaciónAdemais das accións que se están a financiar no terceiro mundo, a Dirección Xeral de Cooperación Exterior está a promover e colaborar en campañas de sensibilización para achegar á sociedade galega a situación de vulneración na que se atopan os Dereitos Humanos en todo o mundo.

Este ano se están a financiar 27 proxectos por un importe total de 474.739 euros. O obxectivo é crear unha cidadanía responsable, solidaria e sobre todo activa, facendo especial fincapé na actuación orientada cara os nenos e os mozos e a formación do profesorado. Dentro deste ámbito Mans Unidas está a traballar nos centros educativos galegos para concienciar á poboación galega (alumnos, profesores, pais e comunidade educativa en xeral) da necesidade de actuar para acadar unha educación primaria universal, que conceda a todos os nenos os mesmos dereitos para o seu futuro.

Día dos Dereitos HumanosMañá celébrase en todo o mundo o Día dos Dereitos Humanos no que se conmemora a aprobación en 1948 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos pola Asemblea Xeral da ONU a través da resolución 217A. A celebración do 10 de decembro ten a súa orixe no ano 1950 cando a ONU invitou aos estados membros e as organizacións interesadas a que observaran esta data como o Día dos Dereitos Humanos, incidindo na necesidade de defender o cumprimento destes dereitos a nivel mundial.

Esta declaración foi concibida poucos anos despois do remate da II Guerra Mundial cando a comunidade internacional comezaba a reaccionar ante as atrocidades que se produciran no período de 1939 a 1945, custándolle a vida a millóns de persoas en todo o mundo. A “Declaración Universal de Dereitos Humanos” e os órganos creados para velar polo cumprimento dos dereitos que nela se inclúen, constitúen o único mecanismo global que protexe os dereitos inalienables do ser humano.