A Xunta activa o convenio coa Fundación UNICEF para actuar ante a grave crise migratoria en Honduras
- O Goberno galego achega 50.000 euros co obxectivo de garantir o acceso de nenos e nenas migrantes a servicios de educación en situación de emerxencias.
- A actuación de UNICEF en Honduras busca asistir a uns 85.000 nenos e nenas creando Espazos Seguros para a Infancia
- A intervención enmárcase dentro do convenio asinado co Comité Español da Fundación UNICEF para financiar actuacións de acción humanitaria e de emerxencias, que desde 2012 supuxo a mobilización de máis de 1,8M€
A Xunta activa o convenio de colaboración co Comité Español da Fundación UNICEF para colaborar no Plan de Resposta Humanitaria de UNICEF para Honduras en 2025. O Goberno galego colaborará con 50.000 euros co obxectivo de garantir o acceso de 5.000 nenos e nenas en situación de emerxencia a servizos de educación, para contribuír ao seu desenvolvemento, xerar oportunidades vitais e para contribuír tamén á súa atención psicoemocional.
Para logralo, comezarase pola instalación de dous espazos seguros e amigables de aprendizaxe nos municipios de Santa fe, no departamento de Ocotepeque, e Danlí, no departamento de El Paraíso, especialmente afectados polos fluxos migratorios. Estes espazos contarán con servizos de apoio e recuperación psicoemocional para familias migrantes en extrema vulnerabilidade. Tamén se adquirirán kits educativos de emerxencia e incorporarase o Pasaporte de Aprendizaxe para ampliar o uso de ferramentas virtuais que promoven unha resposta educativa para infantes en situación de mobilidade.
O Pasaporte de Aprendizaxe, implementado durante a pandemia da covid-19 pola Secretaría de Educación de Honduras e UNICEF, ten como finalidade brindar aos estudantes de preescolar, primaria e secundaria acceso ilimitado a contido dixital de alta calidade e actividades de aprendizaxe en liña interactivas de forma gratuíta e aliñadas coa normativa curricular vixente en Honduras.
O Plan de Resposta de UNICEF
Segundo datos do Instituto Nacional de Migración, durante o 2024 máis de 370.000 migrantes de máis de 100 nacionalidades ingresaron en Honduras. Moitos requiriron apoio urxente en servizos de aloxamento, atención médica, auga, saneamento e protección para infantes e persoas vulnerables. O volume de chegadas desbordou os recursos locais, o que requiriu axuda humanitaria complementaria.
O importante aumento -un 157% con respecto a datos anteriores- no número de menores que chegaron ao país centroamericano puxo de manifesto a grave situación da infancia migrante e resalta a relevancia de fortalecer as respostas centradas neste colectivo, polo que o obxectivo principal de UNICEF é atender a 85.000 nenos, nenas e adolescentes en Espazos Seguros para a Infancia.
Atención ás poboacións máis vulnerables
A Xunta colabora dende hai anos co Comité Español da Fundación UNICEF, tanto no financiamento de actuacións de acción humanitaria e de emerxencias, como de actuacións de cooperación no exterior. O importe das subvencións concedidas dende o ano 2012 anos elévase a máis de 1,8 millóns.
Estas colaboracións teñen como obxectivo atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes e crises humanitarias de orixe natural ou humano, con especial énfase nos colectivos máis vulnerables, mediante a provisión inmediata de bens e servicios esenciais para a supervivencia (auga, abrigo, medicamentos, atención sanitaria e/ou outro material de primeira necesidade) e paliar o sufrimento das poboacións afectadas por crises de longa duración e desequilibrios crónicos e estruturais, con énfase en países e poboacións de menor Índice de Desenvolvemento Humano.
A resposta de axuda para paliar e reducir a vulnerabilidade nas crises humanitarias con eficacia e calidade é un dos ámbitos estratéxicos do V Plan Director de Cooperación Galega da Xunta.