Novas de Cooperación Galega
13/02/2023
Xeral

A Xunta activa o convenio con Farmamundi para atender á poboación turca e siria afectada polo terremoto

A Xunta vén de activar o convenio con Farmamundi para a posta en marcha dunha intervención de emerxencia para a atención á poboación turca e siria en situación de maior vulnerabilidade afectada polo terremoto no distrito de Pazarcik, na provincia turca de Kahramanmaras. Investiranse 10.000 euros co obxectivo de contribuír a mellorar as condicións de vida dun milleiro de persoas nos próximos dous meses coa adquisición e a subministración de produtos de primeira necesidade: paquetes nutricionais, materiais de protección como roupa de abrigo e medicamentos.

O proxecto levará a cabo coa organización Khyar Omma Association, socio local de Farmacéuticos Mundi (Farmamundi) nesta intervención, que ao contar cun permiso específico para cruzar a fronteira e traballar no norte de Siria pode dar unha resposta máis inmediata e coordinar as necesidades humanitarias co resto de autoridades e axencias internacionais.

A intervención realizarase na zona noroeste de Siria, preto da fronteira turca e na zona sur de Turquía, preto da fronteira siria. En concreto na cidade de Jindires e nos campos de poboación refuxiada de Atmeh e Idlib; en Siria. No caso de Turquía, levará axuda ás cidades de Antakya, Reyhanll e Kirikhan.

O terremoto de magnitude 7,8 graos na escala de Ritcher rexistrado o pasado 6 de febreiro afectou, segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), a rexións de Turquía e Siria nas que viven uns 23 millóns de persoas, dos que 1,4 millóns son menores.

Atención ás poboacións máis vulnerables

Desde o ano 2009 ata o de agora asináronse convenios anuais de resposta ante emerxencias coa organización Farmamundi por máis de 989.000 euros, incluíndo a contía do convenio deste ano no que se enmarca esta actuación en Turquía e Siria.

O obxectivo desta colaboración constante entre a Xunta e Farmamundi é realizar as actuacións que ambas as partes establezan, para atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humana, con especial énfase nos colectivos máis vulnerables, mediante a provisión inmediata de bens e servizos esenciais para a supervivencia (auga, abrigo, medicamentos, atención sanitaria ou outro material de primeira necesidade) e paliar o sufrimento das poboacións afectadas por crises de longa duración e desequilibrios crónicos e estruturais, con énfases en países e poboacións de menor Índice de Desenvolvemento Humano (IDH).