Novas de Cooperación Galega
15/06/2021
Xeral

A Xunta activa o convenio de emerxencias con UNICEF para a posta en marcha dunha intervención para os nenos e nenas de Siria

  • UNICEF traballa para promover os dereitos da infancia e conseguir cambios reais nas vidas de millóns de nenos e nenas en calquera situación de emerxencia e crises humanitarias, con presenza en 190 países
  • Co apoio da Xunta, UNICEF comprará e distribuirá kits de auga e hixiene para as nenas, nenos e as súas familias, subministracións básicas para os centros de saúde, equipamento médico e hixiénico para a protección do persoal de saúde

A Xunta ven de activar o convenio asinado con UNICEF Comité Español para a posta en marcha dunha intervención para os nenos e nenas en Siria, co obxectivo de poder chegar a 4.050 beneficiarios directos entre os que se atopan nenos, nenas, familias e persoal dos centros de saúde.

Co apoio da Xunta de Galicia, UNICEF comprará e distribuirá kits de auga e hixiene para as nenas, nenos e as súas familias, subministracións básicas para os centros de saúde, equipamento médico e hixiénico para a protección do persoal de saúde e subministracións para a desinfección de escolas, centros de saúde e outras instalacións básicas. A intervención desenvolverase con especial foco nos campos de desprazados habilitados nas zonas do nordés e noroeste do país, incluíndo as zonas de difícil acceso que desde o 2019 son as zonas nas que máis se agravou o conflito.

A Xunta colabora con UNICEF na execución de actuacións e proxectos en materia de acción humanitaria e de emerxencia, en países con poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano, co fin de paliar o sufrimento das poboacións afectadas e de calquera outras accións que en beneficio destas poboacións póidase impulsar.

O Fondo de Nacións Unidas para a Infancia (UNICEF) é a principal organización internacional que traballa para promover os dereitos da infancia e conseguir cambios reais nas vidas de millóns de nenos/as, en calquera situación de emerxencia e crises humanitaria. UNICEF posúe capacidade técnica e loxística, así como os permisos e autorizacións necesarias para dar resposta adecuada e realizar as actividades programadas. Por outra parte, a entidade ten presenza en 190 países susceptibles de recibir axuda humanitaria e de emerxencia.

A Xunta de Galicia ven colaborando dende hai anos con UNICEF Comité Español, tanto no financiamento de actuacións de acción humanitaria e de emerxencias, como de actuacións de cooperación no exterior. O importe das subvencións concedidas desde o 2012 ata o 2021, incluíndo este convenio, é de 879.109,45 €.