Novas de Cooperación Galega
26/06/2006
Xeral

A XUNTA, A AECI E OS MINISTERIOS DE PESCA DE CENTROAMÉRICA PRIORIZAN A FORMACIÓN NA ESTRATEXIA CONXUNTA DE COOPERACIÓN PESQUEIRA

A Xunta de Galicia, a Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI) e os ministerios de pesca de Centroamérica acordaron priorizar as actuacións de formación dentro da estratexia conxunta de cooperación pesqueira.

A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, e mailo subdirector xeral de Cooperación con México, América Central e Caribe da AECI, Pascual Navarro, reuníronse con membros do Organización do Sector Pesqueiro e Acuícola do Istmo Centroamericano (OSPESCA) -que representan aos Ministerios e departamentos de pesca dos Gobernos centroamericanos- para definir a estratexia de actuación en materia de cooperación pesqueira para o desenvolvemento no bienio 2007-2008. Neste encontro tamén participou Yolanda Molares en representación do Centro Tecnolóxico do Mar CETMAR.

Nesta xuntanza, a primeira que reúne a todas as institucións implicadas,  analizaron os resultados e a situación actual dos proxectos levados a cabo ata o momento no marco do Plan de Apoio ao Sector da Pesca e da Acuicultura posto en marcha pola AECI e a Xunta de Galicia e acordaron incrementar a colaboración en materia de formación. Trátase de mellorar o plan de actuacións tanto en conxunto para toda a zona como en cada un dos países implicados.

A Administración autonómica colabora dende 2004 coa AECI neste programa de cooperación, que inclúe actuacións en materia de fortalecemento institucional, formación e capacitación do sector da pesca, medio ambiente e investigación, así como na comercialización, promoción e consumo en Costa Rica, Guatemala, O Salvador, Honduras, Nicaragua e Panamá.

A partir de agora, a dirección xeral da Xunta de Galicia coordinará os proxectos que a AECI leve a cabo en materia pesqueira en centroamérica. Galicia conta cunha dilatada experiencia no eido pesqueiro e pretende desenvolver un traballo no que participen tanto o Goberno español como os seis gobernos centroamericanos para acadar un máximo de efectividade na planificación e na execución dos proxectos.

OSPESCAA Organización do Sector Pesqueiro e Acuícola do Istmo Centroamericano (OSPESCA) parte do Sistema de Integración Centroamericana (SICA), entre as súas funcións está a de xestionar de xeito conxunto os proxectos rexionais para o desenvolvemento integrado da pesca e a acuicultura de todos os países centroamericanos.OSPESCA esta integrada polos Ministros, Viceministros e Directores responsables das actividades da pesca e acuicultura de Belice, Costa Rica, O Salvador, Guatemala, Honduras, Nicaragua e Panamá. A partir do ano 2000 ingresou na Secretaría Xeral do SICA. O seu ámbito de traballo ten sido o da pesca mariña na súa maior parte, pero tamén está a dar un particular interese á acuicultura como unha alternativa viable de expandir a produción de alimentos de alto valor nutritivo.

Inauguración do curso de formaciónA directora xeral de Cooperación Exterior da Xunta inaugurou o curso de formación en comercialización pesqueira que se desenvolverá en La Antigua ao longo de tres días. Fabiola Sotelo trasladou ás persoas asistentes unha mensaxe do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño e transmitiulles a aposta do Goberno galego a prol da cooperación exterior. En concreto, referiuse á “aposta renovada pola pesca en Centroamérica” e a vontade de incidir no “fortalecemento das institucións públicas” porque, segundo explicou “sen a súa implicación non hai futuro nin continuidade no traballo de erradicar a pobreza entre as pescadoras e pescadores artesanais desta zona”.

Con estas xornadas de formación preténdese achegar ás preto de 30 persoas participantes as características principais dos fluxos de comercialización tanto con pequeno empresariado como con grandes superficies. Dentro das actividades previstas está tamén a capacitación en novas tecnoloxías, novos tipos de presentación e preparado dos produtos da pesca.

Os cursos que se están a impartir no marco desta colaboración da Xunta de Galicia e a AECI son tanto de carácter presencial como on line, a través da páxina web www.pescacentroamerica.org

Esta web está pensada para permitir a máxima interactividade entre o alumnado e persoal técnico formador. Nela poden atoparse, ademais das ferramentas propias dos cursos on-line para o alumnado rexistrado, vídeos, imaxes e documentos didácticos para a consulta xeneralizada.