A Xunta apela á implicación de todas as administracións e institucións no cumprimento dos obxectivos da Axenda 2030

- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu onte á sinatura por parte das tres universidades galegas dunha Declaración de compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) das Nacións Unidas.
- Recordou que o Goberno galego está tamén implicado nesta iniciativa e conta cunha Comisión Interdepartamental para facer seguimento das accións que se levan a cabo neste eido.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, apelou onte á implicación de todas as administracións, institucións e conxunto da sociedade á hora de avanzar na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) fixados na Axenda 2030 das Nacións Unidas.
Así o sinalou onte durante o acto de sinatura por parte das tres universidades galegas dunha Declaración de compromiso cos ODS. Na firma participaron o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López; a vicerreitora de Internacionalización e Cooperación da Universidade da Coruña (UDC), Pilar García de la Torre; e o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade da Universidade de Vigo (Uvigo), José Luis Míguez. O acto tamén contou coa presenza do director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo.
A Xunta está plenamente comprometida cos obxectivos da Axenda 2030. Neste eido, o Goberno galego tomou xa varias medidas como a elaboración dun Estudo para a implementación da Axenda 2030 na Xunta; ou a constitución dunha Comisión Interdepartamental de Seguimento para manter a coherencia entre as accións de goberno e os ODS.
Ademais, o IV Plan director da cooperación galega 2018-2021 elaborouse en consonancia coa Axenda global; ao igual que se está a facer na elaboración do anteproxecto de Lei reguladora da acción exterior e cooperación para o desenvolvemento de Galicia.
A sinatura da Declaración que tivo lugar onte enmárcase na celebración estes días na Universidade de Santiago de Compostela do VIII Congreso Universidade e Cooperación ao Desenvolvemento. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na tarde de onte na sesión inaugural do mesmo. Ambas actuacións contan co apoio financeiro e institucional da Xunta de Galicia.
Axenda 2030
As Nacións Unidas aprobaron en 2015 a denominada Axenda 2030 de Desenvolvemento Sustentable, que inclúe 17 ODS e 169 metas. Os ODS constitúen unha serie de metas que deben guiar ata 2030 á comunidade internacional no propósito de promover o desenvolvemento a escala global. Os ODS integran as dimensións económica, social e ambiental, e ademais propoñen responsabilidades compartidas ao conxunto da comunidade, ao incluír a todos os niveis de gobernanza.