Novas de Cooperación Galega
14/11/2018
Xeral

A Xunta apoia en Perú proxectos de formación vocacional e de fomento do emprendemento da mocidade

  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, coñeceu de primeira man os proxectos que se están desenvolvendo grazas ao financiamento da Xunta

 

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, visitou en Piura (Perú) varios dos proxectos de formación técnica e vocacional e de apoio ao emprendemento da mocidade que se están a desenvolver grazas ao financiamento da Xunta de Galicia.

Concretamente, achegouse ata os proxectos executados pola Asociación Chira, socio local das entidades galegas Fundación Galicia Innova e Fundación Educación y Cooperación (EDUCO); e polo Centro de Apoyo a Niños/as y Adolescentes Trabajadores/as (CANAT), socio local da agrupación formada polas ONGD galegas Fundación Taller de Solidaridade e Fundación Balms para la Infancia.

Inicialmente, visitou no distrito de Marcavelica á Asociación Chira, que ten como finalidade consolidar un sistema de formación mediante a xestión dun Centro de Formación Técnica Binacional, propiciando o desenvolvemento de competencias técnico produtivas nos diferentes actores sociais da conca binacional Catamayo Chira.

A Asociación Chira foi apoiada a través da Fundación Galicia Innova con tres proxectos de asistencia técnica para a mellora da formación e o apoio ao emprendemento de mozos e mozas no ámbito agrícola e forestal.

Neste encontro, o director xeral tivo ocasión de coñecer e intercambiar impresións cos representantes da Rede de formación tecnolóxica, mozos e mozas emprendedores e mulleres líderes do bosque seco. Ademais, aproveitouse para recorrer as instalacións do Centro de Formación Técnica Binacional Mallares, xestionado pola Asociación, onde existe unha aula TIC que foi equipada grazas a un proxecto financiado pola Xunta de Galicia á Fundación Educación y Cooperación (EDUCO).

Como remate a esta visita celebrouse un encontro onde estiveron presentes representantes da Dirección Regional de Educación Superior, institución pública que colabora estreitamente no desenvolvemento dos proxectos levados a cabo.

Posteriormente, trasladouse ás instalacións do Centro de Apoyo a Niños/as y Adolescentes Trabajadores/as (CANAT). Neste centro puxéronse en marcha dous proxectos cos que se conseguiu capacitar a 100 mozos e mozas en situación marxinal para o desempeño de diferentes oficios (corte e confección, barbería, mecánica de motos e cociña), complementándoa con formación para favorecer o desenvolvemento de actitudes e aptitudes que lles permitan proxectar o seu futuro laboral.

Durante a visita, tiveron oportunidade de conversar con nenos, nenas e adolescentes, na súa maioría traballadores que non acceden ao sistema de educación formal, aos que CANAT apoia co fin de contribuír na súa inclusión social, económica, política e cultural, a través da promoción do seu desenvolvemento e das súas capacidades, habilidades e destrezas.

 

Máis de 4,3 millóns de euros

Perú é un dos países considerados como estratéxico para a Cooperación Galega desde o I Plan director 2006-2009 e, nos últimos anos, ten sido un dos máximos receptores de fondos nesta materia. Así, desde 2010, a Xunta leva investidos neste país andino algo máis de 4,3 millóns de euros en axudas á cooperación para o desenvolvemento.

A maioría destes investimentos foron canalizados de maneira indirecta, isto é, a través de distintas convocatorias de concorrencia competitiva e coa colaboración dos axentes de cooperación. En canto á distribución sectorial das axudas, o primeiro lugar ocúpao o sector da educación básica e a técnica vocacional (23,6%), seguida polo apoio ao sector da produción agrícola (20,63%) e do sector acuícola e pesqueiro (18,78%).