Novas de Cooperación Galega
23/12/2022
Xeral

A Xunta apoia un ano máis a formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento

 

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2022.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se fan públicas a relación de bolsas concedidas ao abeiro da Orde do 11 de maio de 2022 pola que se convocan seis bolsas para a formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento que se desenvolverán durante os anos 2022 e 2023.

Estas bolsas de formación da Cooperación Galega teñen como obxectivo principal apoiar a formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento, coa finalidade de complementar a formación académica con estadías nas unidades de cooperación no exterior da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento ou na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

Das seis persoas seleccionadas, dúas teñen como destino a sede da Dirección Xeral en Santiago de Compostela e as catro restantes as Oficinas Técnicas de Cooperación da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento na República Dominicana, Guatemala, Perú e Mozambique.

As persoas bolseiras recibiron información sobre as liñas de traballo da Cooperación Galega e, no caso das catro bolsas noutros países, sobre os proxectos que se están a financiar e que poderán visitar na súa estadía en terreo.

Todos os países de destino destas bolsas, República Dominicana, Guatemala, Perú e Mozambique, son considerados países prioritarios da Cooperación Galega segundo o establecido no IV Plan Director 2018-2021, prorrogado durante o 2022.

As actividades destinadas á formación de persoal especializado constitúen unha tarefa que a Xunta leva a cabo no marco do fortalecemento do sistema galego de cooperación, sendo o apoio á formación e capacitación especializada dos actores e axentes galegos de cooperación unha das liñas de actuación do IV Plan Director da Cooperación Galega.