A Xunta aprobou o Plan anual 2022 da Cooperación Galega que incrementa un ano máis o seu orzamento nun 5,2 %
- O Consello da Xunta aprobou onte, 3 de febreiro, o Plan que conta cun orzamento de 7,8M euros, o que supón un incremento de 386.452 € máis que no ano 2021
- Tamén se deu o visto e prace ao proxecto de acordo polo que se prorroga o IV Plan director da cooperación galega para o desenvolvemento 2018-2021 ata o ano 2022
O Consello da Xunta aprobou onte, 3 de febreiro, o Plan anual 2022 da Cooperación Galega, que conta cunha dotación orzamentaria de 7,8 millóns de euros, o que supón un incremento de 386.452 euros respecto ao ano pasado, un 5,2 % máis de incremento anual do programa orzamentario de cooperación para o desenvolvemento. O Plan foi informado favorablemente polo Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (Congacode) na súa última reunión.
Entre as actuacións ás que se dará cobertura destacan os 27 proxectos aprobados na convocatoria do ano 2021 de proxectos no exterior dos axentes de cooperación, por un total de 2.906.569 €; os 13 proxectos aprobados na convocatoria do 2021 de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global, por un total de 300.000 €; 5 proxectos aprobados na convocatoria do ano 2021 de subvencións para proxectos de investigación e para a creación de grupos de investigación en materia de cooperación para o desenvolvemento promovidos polos grupos e centros de investigación das universidades galegas, por un total de 74.962 € ; Ademais de diferentes convenios de colaboración, como son o convenio con Augas de Galicia e a Fundación Universidade da Coruña (FUAC) para a execución do proxecto Fortalecemento de capacidades técnicas e operativas para a mellora da xestión dos recursos hídricos en Mozambique e o convenio coas ONGD Solidariedade Internacional de Galicia, AGARESO e Asemblea de Cooperación pola Paz para a execución do proxecto Activistas polo mundo que queremos 2021-2022 no marco do Plan Proxecta da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
Así mesmo, darase cobertura ás 6 bolsas de formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento convocadas no ano 2021, cunha dotación orzamentaria de 65.200 € ata a finalización do período de formación, no mes de setembro de 2022 e publicarase unha nova convocatoria no ano 2022.
Haberá novas convocatorias de subvencións para proxectos, principalmente destinadas ás ONGD, como as subvencións para proxectos de cooperación no exterior de ONGD e outros axentes de cooperación cunha dotación total de 5.400.000 €, o que supón un incremento dun 8 % respecto ao 2021; as subvencións para proxectos de educación para o desenvolvemento (EpD) e a cidadanía global promovidos polas ONGD, cunha dotación total de 600.000 €, o que supón un incremento dun 20 % na súa dotación respecto á do 2021; e a convocatoria de subvencións para proxectos de acción humanitaria, cunha dotación de 400.000 €.
Manterase unha liña financeira para axuda humanitaria ou de emerxencia. Para este fin, ademais da mencionada convocatoria pública de subvencións para proxectos de acción humanitaria, asinaranse convenios de colaboración con Farmamundi, UNICEF, Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí e coas axencias das Nacións Unidas ACNUR e UNRWA. Asinarase, ademais, un novo acordo de prórroga do convenio asinado entre a Cooperación Descentralizada e a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) para a actuación conxunta e coordinada en materia de acción humanitaria.
Haberá sinatura de convenios no ámbito da educación para o desenvolvemento, a sensibilización, a formación e o fortalecemento institucional coa Coordinadora Galega de ONGD, co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, con Solidariedade Internacional de Galicia, AGARESO e Asemblea de Cooperación pola Paz, e coas tres universidades galegas.
Prórroga do IV Plan director da cooperación galega para o desenvolvemento 2018-2021
O Consello da Xunta deu o visto e prace ao proxecto de acordo polo que se prorroga o IV Plan director da cooperación galega para o desenvolvemento 2018-2021 ata o ano 2022.
Hoxe en día, os países socios prioritarios da cooperación galega seguen tendo que afrontar as consecuencias máis negativas do impacto da pandemia e tamén da crise sanitaria, económica e social derivadas da COVID-19.
Polo tanto, resulta necesario que continúe vixente a estratexia de resposta á COVID-19 da cooperación galega, como instrumento que permite concentrar os recursos de forma eficiente nas demandas e necesidades dos países e comunidades sociais durante o actual proceso de afrontamento da pandemia.