Novas de Cooperación Galega
03/12/2018
Xeral

A Xunta asiste en Madrid á entrega da X edición do Premio de Educación para o Desenvolvemento “Vicente Ferrer”

O director xeral de Relación Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, asistiron á entrega onde foron galardoados o IES Terras de Trasancos de Narón (A Coruña) e o CPI do Toural de Vilaboa (Pontevedra)

 

Jesús Gamallo asistiu á entrega de premios, onde foron galardoados o IES Terras de Trasancos de Narón (A Coruña), por un proxecto titulado “Árbore de Trasancos” e o CPI do Toural de Vilaboa (Pontevedra), polo proxecto titulado “Mellores persoas para o mundo”. Segundo indicou, co premio outorgado ambos centros deixan patente o seu compromiso coa educación para o desenvolvemento e a cidadanía global.

O acto, celebrado en Madrid, estivo organizado pola Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e estivo presidido pola directora da AECID, Aina Calvo.

Cada ano os premios “Vicente Ferrer” recoñecen a quince centros docentes públicos pola realización de accións, experiencias educativas, proxectos ou propostas pedagóxicas destinadas a sensibilizar, concienciar e desenvolver o espírito crítico. Ademais de para fomentar a participación activa do alumnado na consecución dunha cidadanía global, solidaria, comprometida coa erradicación da pobreza e co desenvolvemento humano e sostible.

O premio é de carácter formativo e consiste nunha viaxe de dous docentes de cada un dos centros premiados á República Dominicana para participar no “Seminario de Intercambio e Formación en Boas Prácticas en Educación para o Desenvolvemento” que se celebrou entre o 24 de novembro e o 2 d edecembro pasados na República Dominicana baixo o auspicio da AECID.