A Xunta aumenta o compromiso coa cooperación para o desenvolvemento co orzamento previsto para 2025

- O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes mantivo unha reunión con representantes da Coordinadora Galega de Organizacións non Gobernamentais para o Desenvolvemento, aos que comunicou o incremento da contía de cooperación en máis dun 10% nas contas autonómicas de 2025 ata case 10M€
- Diego Calvo coñeceu os proxectos que a Asociación Indíxena Pro-Desenvolvemento Integral (Asiaprodi) leva a cabo en Guatemala como socio local da ONGD Arquitectura sen Fronteiras e recibiu un recoñecemento polo apoio da Xunta aos proxectos destas entidades a prol de mellorar as condicións de vida das comunidades indíxenas do departamento de Retalhuleu, en Guatemala
Santiago de Compostela, 1 de novembro de 2024.- O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, xunto ao director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, vén de reunirse coa presidenta da Coordinadora Galega de Organizacións non Gobernamentais para o Desenvolvemento, María Paz, e representantes de entidades que forman parte do organismo, aos que trasladou o incremento do 10,3% no orzamento destinado á cooperación para o desenvolvemento, ata case os 10 millóns de euros. As achegas enmárcanse no V Plan Director da Cooperación Galega 2023-2026 co obxectivo de reforzar proxectos de educación para o desenvolvemento, de axuda humanitaria e emerxencias, e de cooperación no exterior promovidos por ONGD e outros axentes.
Entre as accións previstas figuran a publicación das convocatorias de axudas que son xa sinais de identidade da Cooperación Galega, principalmente destinadas a ONGD. Trátase de subvencións bianuais de 6 millóns de euros para proxectos de cooperación no exterior de ONGD e outros axentes de cooperación, ás que se suman outra nova convocatoria plurianual de 1,7 millóns destinada a grandes proxectos no exterior, tamén promovidos por estas organizacións.
Ademais, a convocatoria bianual para actuacións de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global contará con 720.000 euros para 2025, un 20% máis que neste exercicio. Tamén se activarán as liñas de axudas para microproxectos de cooperación no exterior con 150.000 euros -case un 70% máis que este ano- e ás dirixidas a proxectos de acción humanitaria, cunha convocatoria dotada con 550.000 euros anuais. A esta última sumaranse os convenios coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS), a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), Farmamundi e as axencias das Nacións Unidas, UNICEF, ACNUR e UNRWA, aos que se destinarán 400.000 euros.
Por outra parte, outros 200.000 euros irán dirixidos ás axudas bianuais para proxectos de investigación para o desenvolvemento promovidos polas universidades e centros de investigación galegos e 170.000 euros -10.000 euros máis ca este 2024- aos convenios co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e coa Coordinadora Galega de ONGD.
Ademais, publicarase unha nova oferta de seis bolsas de formación de persoas expertas en cooperación para o desenvolvemento por 108.900 euros.
Proxectos Asiaprodi e Arquitectura sen Fronteiras
Ao encontro de hoxe tamén asistiu Damián Vail, activista guatemalteco da Asociación Indíxena Pro-Desenvolvemento Integral (Asiaprodi), socio local da ONGD Arquitectura sen Fronteiras nos proxectos que a entidade desenvolve en Guatemala. De feito, na reunión estivo a súa coordinadora de proxectos de cooperación internacional, Lara Medín.
Nesta visita, Damián Vail aproveitou para dar a coñecer o proxecto da organización Asiaprodi que está a ser executado por Arquitectura sen Fronteiras xunto coa asociación especializada en educación Proyde (promoción e desenvolvemento) co obxectivo de acadar unha educación inclusiva, equitativa, de calidade, libre de discriminación, nunha contorna segura e nunhas infraestruturas apropiadas no municipio de Champerico, ao sur de Guatemala. Ademais, fíxolle entrega ao conselleiro dun recoñecemento polo apoio continuado da Xunta que, segundo indicou, está a permitir importantes cambios nas condicións de vida das comunidades indíxenas do departamento de Retalhuleu.
De feito, os proxectos de Arquitectura sen Fronteiras nesta zona contribuíron a levar a cabo unha iniciativa de desenvolvemento integral e continuase a traballar de forma conxunta para proporcionar as mellores condicións ás comunidades indíxenas. Así, no marco dos últimos plans directores da cooperación galega no período entre 2018 e este exercicio, lévanse investidos máis de 2,8 millóns de euros.