Novas de Cooperación Galega
07/07/2020
Xeral

A Xunta colabora co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade nun proxecto sobre a Axenda 2030

  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, reuniuse esta mañá con representantes da entidade para avaliar a execución deste convenio que se asinou hoxe.
  • A iniciativa ten como obxectivo impulsar a implicación das entidades locais para cumprir os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da Axenda 2030.
  • O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, que agrupa a 98 concellos e ás deputacións provinciais da Coruña, Lugo e Pontevedra, busca fomentar un maior compromiso destas entidades na cooperación para o desenvolvemento.

 

A Xunta colaborará co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para a execución do proxecto “A Axenda 2030, un reto local nun mundo de transformación”, que conta cun financiamento de 60.000 euros.

O convenio que se asinou hoxe ten como obxectivo promover a implicación dos concellos galegos e das deputacións no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentable das Nacións Unidas, en tanto que son o referente para as políticas de cooperación e desenvolvemento.

Para analizar as posibilidades que se abren coa execución deste convenio, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, reuniuse hoxe co presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e alcalde de Nigrán, Juan Antonio González, coa vicepresidenta da entidade e concelleira en San Sadurniño, Ana Breixo e con María Luisa Piñeiro, vogal do Fondo Galego e alcaldesa de Moraña.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha entidade plural que agrupa a 98 concellos, xunto coas Deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra, comprometidos coa idea de cooperar en Galicia para ser máis eficaces na cooperación cos terceiros países. Este fondo persegue, por tanto, impulsar un maior compromiso de cooperación para o desenvolvemento das entidades locais, nun marco máis estable e permanente. Desde o ano 2000 a Xunta vén colaborando co Fondo Galego no ámbito da sensibilización e educación para o desenvolvemento, a través das sinaturas dos correspondentes convenios.

O IV Plan Director da cooperación galega 2018-2021 recoñece o papel do Fondo Galego para potenciar a cooperación local e para mellorar a súa coordinación e capacidade, ademais de establecer coma un dos seus produtos a sinatura dun convenio anual. O Fondo está recoñecido pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) como a Axencia Municipal Galega para a Cooperación.

O seu papel primordial é, asemade, recoñecido pola Xunta de Galicia, que renova o seu compromiso en apoio á consolidación do Fondo Galego como instrumento vertebrador da cooperación municipal.